Roberto González: “a alcaldesa non se ve no pobo, os veciños non a atopan no concello"

Roberto González Castro, candidato a alcalde polo Partido Popular na Pobra de Trives, leva na política 15 anos. O empresario trives actualmente é membro do grupo con máis concelleiros na oposición. A súa inquedanza por ver prosperar a Trives como el mesmo o define levao a presentarse como candidato á alcaldía.

Que é para vostede Trives?

Para min é todo. Eu todas as inversións que teño a día de hoxe están feitas en Trives, e tanto para min como para a miña familia é todo, ademais das grandes amizades que aquí teño. É unha vila moi acolledora.

Sobre o estado político actual, cal sería a súa valoración desta lexislatura?

Daríalle o mesmo que lle deu o pobo no seu día, que é un suspenso, xa que a lista máis votada foi a nosa. Non tivemos a posibilidade de poder gobernar porque o grupo socialista e o grupo de En Marea, ese mesmo día xa fixeron acordos para facer un pacto, logo romperon ao pouco tempo e nós aí nos quedamos sen voz nin voto.

Como ve o día a día no concello?

O traballo do día a día vai moi lento, xa que foron quedando prazas vacantes que non se cubriron. Aínda que os traballadores den todo de sí, non dan feito todas as tarefas que hai nun concello. Catro persoas non poden estar encargadas da limpeza de todo o pobo, camiños e rutas, e ese mesmo traballo ocorre na administración onde trasladan xente de outros servizos para a administración e esa non é a solución.

Cre que se puideron facer máis inversións ao longo destes 3 anos?

Inversións non houbo. Houbo obras por subvencións, dúas coberturas de parques infantís, unha delas denunciada, e un mirador, que é chulo, pero hai un problema de titularidade de terreo e segue pechado a día de hoxe. Puidéronse facer máis pero para iso hai que ter un proxecto para seguir e unha continuidade, algo que creo que non hai.

Cales son os proxectos que vostede levaría a cabo de ser elexido alcalde?

Indiscutiblemente recuperar o camiño da Vía Nova, limpeza de camiños e rutas, recuperación do patrimonio etnográfico e cultural, reactivación do emprego e tamén temos en mente o tema parcelaria que axudaría aos gandeiros e tamén aos que teñen proxectos de plantación.

Que cre vostede que precisa Trives para cambiar de rumbo?

No último pleno preguntei polas festas e en principio dixeron que non se tiñan pensado facer, para min eso tamén é cultura, e que fan que veña xente e se mova a economía. No económico gustaríame que se comece o proxecto dos Fondos Next Generation o antes posible e se empreguen ben atendendo igual a todos os negocios, non en obras que xa se acometeron fai pouco.

Tenderíalle a man aos actuais gobernantes para axudar a día de hoxe?

Hoxe non, fíxeno hai ano e medio por vontade propia e non a quixeron, non sei se foi por medo a que eu tivera protagonismo ou polo que.

Si digo residencia de anciáns, que me di sobre a súa xestión?

Que non é boa, hai falta de cubrir prazas. Se non hai personal, non se pode levantar aos anciáns ás 6,30 da mañá para os duchar, caro me costa a min erguerme cedo, como para erguelos a esa hora.

Como lle gustaría que os veciños o viran como alcalde?

Como un veciño máis, un amigo e co meu traballo na vila.

Te puede interesar