SECTOR FORESTAL

A actividade no sector forestal caeu un 8% desde o inicio da crise

gal1-2-_result
photo_camera Santiago Lago, Juan Picos e Edelmiro López, na presentación do informe

Un informe do Foro Económico de Galicia, coordinado Juan Picos, chega a claras conclusións

Como un sector con “grandes oportunidades por diante”, pero ao mesmo tempo afectado por “unha serie de problemas estruturais”. Así ve o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos o sector forestal galego, que centra o novo informe do Foro Económico de Galicia, no que este docente incide en como a actividade nas diferentes industrias vinculadas ao mesmo decreceu unha media do 7,9% desde o inicio da crise, fronte ao 1,2% que rexistrou o total economía. Por ese motivo, o informe fai énfase nas diferentes medidas que precisa o sector para incrementar a súa competitividade, moitas delas ligadas a “un maior compromiso político”, como salientou Picos, que incidiu tamén no incumprimento do Plan Forestal de Galicia, polo que deixaron de investirse no monte “case 700 millóns de euros”.


Acompañado polo director do Foro Económico de Galicia e profesor da Universidade de Vigo, Santiago Lago, e polo profesor da USC Edelmiro López, Picos presentou en Santiago o documento O sector forestal en Galicia: problemática actual e perspectivas futuras, no que fai balance das potencialidades e ameazas dunha industria que atravesa un “momento crucial”. Non en van, para unha autonomía que conta cunha superficie forestal de máis de dous millóns de hectáreas e no que a industria da madeira supón unha facturación anual de máis de 1,6 millóns de euros e o 12,3% do emprego industrial, constitúen unha “enorme oportunidade os diferentes estudos que apuntan a que Europa vai a ser unha gran deficitaria de madeira, polo aumento da demanda”.


COOPERACIÓN E INNOVACIÓN
O futuro do sector forestal galego, segundo as conclusións do estudo coordinado por Picos, pasa por “enfrontar unha competitividade internacional crecente”. Para iso, avógase pola posta en marcha de medidas que permitan reverter o abandono das terras e fomenten a súa xestión agrupada, así como un maior nivel de innovación e transformación dos produtos. O documento fai énfase na necesidade de “xerar estratexias de cooperación” que permitan unha maior dimensión das empresas do sector, tendo en conta que “durante a crise, o tamaño medio das empresas medrou e pecharon máis empresas pequenas que grandes”. Así mesmo, estas fórmulas de cooperación permitirían tamén “fomentar o investimento en I+D”. Neste senso, o informe fai énfase na “perda de valor engadido” que supón a falta “dunha cadea de transformación especializada en produtos intermedios”.

Te puede interesar
Más en Universitas