TEATRO

A MIT abre hoxe o telón cun Premio Nacional de Danza

photo_camera Imaxe do Auditorio do Castelo, abarrotado de público para asistir a este "prólogo" da MIT. (MIGUEL ÁNGEL)

A compañía de Ribadavia Teatro do Vilar ofreceu o preludio no castelo con O Florido pénsil

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) sube hoxe o telón e faino con varios espectáculos, que atraerán á vila cabeceira de comarca do Ribeiro a máis de 3.000 espectadores nesta xornada inaugural. Onte, ás 23,00 horas, o Teatro do Vilar ofreceu o preludio desta 31 edición do evento que convirte a Ribadavia no centro de atención do mundo do espectáculo teatral. A compañía local ofreceu no Castelo dos Sarmiento a obra O Florido pénsil, unha aposta da organización polo teatro afeizoado.

O director da MIT, Roberto Pascual, amosouse convencido de que o cheo será total no día de hoxe, á vista de como transcurre a venda das entradas. O Castelo completará as 800 prazas de aforo con Siena, de La Veronal, o Premio Nacional de Danza que se estrea en Galicia esta noite, a partir das 23,00 horas.

Será o espectáculo estrela da xornada inaugural, que ofrecerá tamén teatro na rúa gratuito coa compañía catalana Tutatis e a súa representación Osos del Pirineo, que combina actores manipuladores con marionetas xigantes e un percusionista, inspirado na banda sonora das melodías tradicionais da montaña pirenaica. Será ás 20,30 horas, na Praza Maior de Ribadavia. Tampouco podía faltar a presenza galega na apertura do telón da MIT, contando con Chévere e a obra As fillas bravas, a 1,00 horas, no Clube Artístico.

A apertura do acto de inaguración, previsto para as 20,00 horas, na Alameda de Ribadavia, correrá a cargo do alcalde de, José Ignacio Gómez e o peche do mesmo realizarao o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Tamén intervirán o director da MIT, Roberto Pascual, e as autoridades representantes da Deputación de Ourense e do Ministerio de Cultura. A organización da Mostra Internacional de Teatro fará entrega do Premio de Honra "Roberto Vidal Bolaño" desta 31ª edición, á Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega.

A MIT destaca este ano 2015 o labor, o impulso e a constante traxectoria que solidifican no traballo asociativo e colaborativo desta institución representativa do sector profesional das Artes Escénicas de Galicia. Paralelamente ó acto oficial e o espectáculo na rúa tamén se abrirá ó público a exposición “Barriga Verde, de feira en feira”, ás 21,00, no Centro Social da Madalena. A MIT ofrecerá ata o 25 de xullo máis de vinte espectáculos galegos, nacionais e internacionais, ademáis de foros e outras actividades.

Te puede interesar