‘Tempo de mimosas’

Arximiro, que sabía de memoria cando florecían todas e cada unha das árbores da súa aldea, non aguantou a presión de vivir en Auria sen velas crecer.
Arximiro peiteaba xa canas, e moitas, cando os seus sobriños o trouxeron a vivir para Auria. O home tivera varios amores en Camablán, pero nunca casou. Viviu sempre só, e amaba profundamente o campo e os animais, que foran toda a súa vida.

Levaba conta de todas as estacións do ano e os labores que en cada unha se facían. Sabía de memoria cando florecían todas e cada unha das árbores da aldea e dos bosques cercanos. E coñecía o nome de todas as flores e dos animais, ata dos máis cativos.

Agora, despois de vivir cos seus sobriños dez anos, está ingresado no hospital siquiátrico de Toén. Din que non aguantou a presión de vivir en Auria, sen ver crecer as árbores, a més ou o centeo, nin oir zoar o vento na serra, nin o discorrer da auga do Camba nos longos invernos.

Ingresárono os sobriños cando viron que apenas lembraba nada, que se perdía nas rúas de Auria. E, sobre todo, porque un bó día non lembrou o mes no que florecían as mimosas. E toleou.

Te puede interesar