O público adoita conversar cos coñecidos mentres agardan a que dean comezo as actuacións das Xornadas do Folclore

Toda espera ten a súa recompensa

Como xa pasaron 27 anos dende que o primeiro grupo internacional pisara chan ourensán para traer canda el o folclore propio da súa zona, a experiencia alerta ós espectadores de que o que chega á hora exacta de inicio do espectáculo vai ter que facer malabares para poder ver as actuacións.
Por iso é que a maioría da xente vai chegando cando as probas de son aínda non están rematadas. O pasado mércores, en Allariz, as cadeiras do Campo da Barreira comezaron a quedar ocupadas cando aínda faltaba algo máis dunha hora para o inicio do espectáculo.

Unha hora, segundo para que actividade, pode ser moito tempo, así que hai que gastalo dalgún xeito. Posto que o máis habitual é acudir acompañado, aínda que sexa para gardarlle sitio ó resto da cuadrilla, ese xiro completo das agullas do reloxo adoita facerse máis curto gracias á conversa.

Se alguén decide dar unha volta entre os espectadores que agardan e cae nese mal costume de escoitar o que non debe, poderá distinguir dous tipos de conversas. As primeiras tratan de temas persoais que nada teñen que ver co asunto en cuestión do folclore. As segundas, de escoita máis confesable, xiran en torno a adiviñar que conxuntos serán os encargados de actuar ese ano ou a rememorar grupos pasados que deixaron recordos, gratos ou non, nas súas cabezas.

Cómpre ter en conta que as vilas ás que se despraza o festival non son núcleos urbanos excesivamente grandes, polo que, en maior ou menor medida, todos se coñecen. Deste xeito, o diálogo sobre os conxuntos internacionais adoita sufrir incisos máis ou menos constantes para examinar a aqueles que van entrando tamén para coller sitio.

É ben raro que as Xornadas do Folclore non comecen puntuais. No que vai de festival este ano, só teño constancia de demora en Maceda, ó mesmo tempo que se enchían os asentos alaricanos. Por iso, esa espera non acostuma a facerse máis pesada do pensado.

Así é como os ourensáns gastamos esa marxe horaria que decidimos quitarlle a outras actividades para garantirnos a nós mesmos que non imos perder nin o máis mínimo detalle do que aconteza no escenario.

Te puede interesar