A Mezquita recolle alimentos para familias desfavorecidas

Persoal do Concello no punto de recollida da Casa Consistorial
photo_camera Persoal do Concello no punto de recollida da Casa Consistorial
Poderán ser depositados en calquera dos puntos habilitados ata o próximo 4 de xaneiro

O Concello de A Mezquita pon en marcha, en colaboración con Protección Civil e o Banco de Alimentos de Ourense, unha campaña de recollida de alimentos baixo o lema “Por un Nadal feliz para todos”. Esta iniciativa pretende axudar ás familias máis desfavorecidas nestas datas tan sinaladas.  

A campaña consiste na recollida de alimentos non perecedoiros tales como aceite, legumes, pasta ou leite. Os alimentos poderán ser depositados ata o vindeiro 20 de decembro, para realizar a primeira recollida, e ata o 4 de xaneiro para a segunda, en calquera dos puntos habilitados nos comercios das diferentes aldeas e nas oficinas da Casa Consistorial. Posteriormente serán repartidos polo Banco de alimentos de Ourense. 

Dende a entidade local animan á participación de tódolos veciños da localidade para que a través da súa solidariedade outras familias poidan pasar dun xeito “máis ameno” esta época sinalada no calendario. A iniciativa leva varios anos en marcha na localidade e segundo afirma o alcalde,  Rafael Pérez,, “ten unha gran aceptación por parte dos veciños, incluso hai xente que se ofrece a doar diñeiro para que se merquen aqueles alimentos dos que hai unha maior necesidade.

Te puede interesar