Prepárate para o Entroido con este divertido conxunto

photo_camera Aprende a facer o teu conxunto de Entroido seguindo estos sinxelos pasos.
A Lixoteca desta semana proponche un tocado e unha careta moi sinxelos cos que completarás con orixinalidade o teu disfraz.

Preparamos a coroa 

A primeira parte da Lixoteca será facer unha coroa, para a que só precisamos catro cousiñas: unha diadema, bridas de cores, pompóns variados e pegamento -nós empregamos unha pistola de silicona porque seca ó momento-. E xa podemos comezar para preparar un tocado moi orixinal!

O primeiro paso levarache un pouquiño de tempo, pero é moi sinxelo. Colle a diadema e vai pechando as bridas ó seu redor ata que enchas boa parte da diadema. O resultado ten que ser, como ves na foto, unha diadema chea de picos. Asegúrate de que pechas tódalas bridas cara o mesmo sentido para que quede ben xeitoso.

Cando o teñas, é hora de decorar. O que nós fixemos foi poñer un pompón na punta de cada unha das bridas e, despois, fomos pegando máis pompóns por todo o adorno da diadema para darlle un bo toque entroideiro. É importante que sexan dun material que non pese para que non caian os picos cando poñas a coroa.

É o turno da careta

Toca agora facer a careta, que é tamén moi sinxela e, xunto coa coroa, conseguirás un conxunto moi aparente. Para facer unha máscara moi divertida tan só necesitarás: un prato de cartón ou papel, un anaco de goma, rotuladores de cores, tesoiras e unha troqueladora. Recompila todo porque imos comezar!

Corta o prato pola metade e, nunha das partes, fai a marca de onde vai o naris e os ollos e recorta con coidado. Asegúrate de que os buratos che coinciden ben na cara e comeza a decorar a túa careta. Neste paso quen manda é a túa imaxinación, así que déixate levar polo espírito do Entroido e comeza a darlle cor!

Coa troqueladora, fai un burato a cada lado da careta e ata neles a goma elástica. Antes de pechala de todo, tenta sobre a túa cara canto anaco de goma precisas. Xa está listo o teu conxunto de Entroido, co que poderás sorprender ós teus amigos no colexio dun xeito sinxelo e moi sostible. Xa sabes… Mans á obra!

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_1505_lagrimeo_01
Escola de Familias

Lagrimeo en el lactante