Opinión

O número de estranxeiros en Ourense

As matemáticas non fallan, pero o modo en que presentemos as cousas, o que fagamos con elas, poden conducirnos as interpretacións erradas. Se eu lles digo, por exemplo, que sumando os meus cartos aos de Amancio Ortega reunimos a maior fortuna de España, non lles minto nada. Pero iso non significa que a achega sexa cincuenta-cincuenta, que é o que inercialmente pensariamos de dicilo simplemente así. E póñolles un caso estrambótico a forma de parábola para que mellor se entenda o perigo.

Así pois, cando xogamos con cifras e números, como cando xogamos con lume, temos quer ter moito coidado, porque moitas veces poden levarnos a ver realidades moi distintas ás que son. O outro día dábase a noticia do número de venezolanos en Ourense e no que, complementariamente, se manexaban outras cifras. Dicíase na información, que había en Ourense, 7.137 nados en Venezuela asentados en Ourense, e dicíase, lóxico, que moitos deles tiñan nacionalidade española, ao seren descendentes de antigos emigrantes ou tratándose de retornados. Pero cantos? É complicado. Despois, continuando a noticia, dicía que en Ourense había 37.648 persoas que naceran no estranxeiro. E logo do primeiro número de Venezuela, seguía cos dos países que máis achegaban: Portugal (6.103), Suíza (2.977), Alemaña (2.583), Colombia (1951); Brasil (1.972), Francia (1.857), México (1.596), República Dominicana (1.487), Cuba (1.451), Arxentina (1.151), Romanía (980), Marrocos (977), Senegal (343), China (334).

E claro, sobre estes números fríos, todos sabemos facer interpretacións persoais no sentido correcto, no sentido da advertencia anterior de seren moitos dos nados en Venezuela fillos de galegos, pero é a nivel intuitivo, sen cifras. Sabemos, por exemplo, que os chineses, senegaleses, romaneses, dominicanos, son todos estranxeiros, por non haber emigración galega significativa a aquelas terras. Igualmente sabemos que entre os nados en Suíza, Alemaña e Francia, practicamente todos son galegos de familia emigrante retornada, aínda que agora empece a haber algún que outro alemán ou francés que viva entre nós. Os outros países teñen casuísticas distintas. A pesar de ser inmensa minoría, aínda coñezo algúns nados no actual Marrocos cando era, en parte, español, ou algúns vellos nados na Cuba da emigración fronte a unha esmagadora maioría sen galego-ascendentes. Máis difícil é cuantificar a ollo, entre os nados en México, Arxentina, Brasil de orixe galega ou non, pois todos coñecemos xunto con fillos de emigrantes galegos -ou sexa coa nacionalidade española- que viñeron asentarse aquí desde esas terras, outros que tamén viñeron -benvidos- pero sen teren vínculos previos co país.

Ou sexa, suízos que vivan en Ourense, non creo que haxa ningún. E alemáns, ben poucos, pois a ninguén se lle ocorrería dicir que o anterior alcalde Xesús Vázquez Abad era alemán por ter nacido en Nüremberg, ou que Juan Carlos I foi un rei italiano, de Roma, que reinou en España. O lugar de nacemento circunstancial, a verdade, non ten maior importancia. Con estas cousas estatística, e aplicando filtros, por exemplo, por nacionalidade dos pais dos nados fóra, teriamos cifras ben distintas. Pero o dato é que o é.

Así, pois, saber o número de estranxeiros é algo moi distinto de saber o número de persoas que naceron no estranxeiro. E, como sabemos, tampouco é definitivo para saber onde naceron reparar na nacionalidade actual dos que residimos en España, pois desde o ano 2013 máis dun millón de persoas adquiriron a española por arraigo ou similar. Ademais, e sobre todo, tanto ten.

Te puede interesar