Opinión

Remodelación calixtina

Se acaba vindo Xesús Vázquez para candidato á alcaldía de Ourense, podía aproveitar Núñez Feijoo e facer unha remodelación máis ampla. Colocar, por exemplo, como conselleira de Educación e Cultura a Elena Muñoz e, no posto que ela deixase, en Facenda, como conselleiro, a Manuel Fernández Castiñeiras. Claro. Se o famoso electricista (ao que algúns apoñen o roubo do Códice Calixtino todo porque apareceu no seu garaxe), se don Manuel, digo, é capaz de aforrar do seu soldo 1,7 millóns de euros, e ao tempo comprar pisos, etc, pois vese nel un excelente xestor para os cartos públicos. Lembremos que nos Estados Unidos moitos políticos son dese perfil: ricos que queren devolver á terra parte do seu coñecemento de xestión de grandes cantidades, como, por exemplo, Mike Bloomberg, ex alcalde de Nova York ata o ano pasado. Non cren? Eu tampouco. O que si me parece incrible, e non dou procesado intelectualmente, é que o dereito de defensa se poida dirixir á negación da evidencia e á potenciación da mentira. Supoño que o normal sería tratar de defender ao home ese falando de que se sentía trastornado pola relación co cabido, que se tivo un trauma de pequeno, que era por feo, eu que sei... algo así. E que buscasen como eximentes o ictus que lle afectou o sentidiño, ou que tratou ben o Códice, que o envolveu con agarimo ao xeito tradicional, en xornais e papel de estraza, sen apertar sequera os bramantes, que tiña o diñeiro protexido na casa para que non o roubara outro da Catedral, que comprou pisos como investimento para o Cabido Catedralicio, para darlles unha sorpresa, e tiña o resto do efectivo preparado para devolver... Pero o que parece marciano é dicir que non tivo nada que ver co asunto, que non sabe quen lle meteu no garaxe os cartos (recoñézanme que é infrecuente que lle metan a un un par de millóns de euros e dólares en billetes no garaxe, sobre todo cando sabemos que, por educación, hai que avisar). Si, parece defensa marciana dicir que nunca viu o Códice Calixtino e tratar de centrar o tema en que se o xuíz Vázquez Taín o mirou mal un día e el se sentiu intimidado ou se lle chamou paletiña á dama que esposou don Manuel e nai do seu ilustre vástago. 

Claro que todos temos dereito á defensa que queiramos. Pero non parece razoable que os avogados teñan dereito a planificar mentiras xunto cos seus defendidos para intentar demostrar falsidades ou entorpecer a aplicación da xustiza. As imaxes do Manolo apañando os cartos e as da policía recuperándoos no seu garaxe deben ser abondas para non perder o tempo en tanto circo mediático. Non sei se o xuíz pode mandar parar e mandar a todos para casa e ao reo para o escuro. Creo que non. O despotismo ilustrado tiña as súas vantaxes, si.

E para min debería de influír en retirarlle a colaboración económica ás obras da Igrexa un par de anos. Se o descontrol chegaba a alguén puidese ripar dous millóns de euros sen que ninguén se decatase, canto é o que entraba? Ou quen máis o facía para todos calar? En fin, por ter máis boca para pedir que ollos para controlar, ou porque unha vez solventado o caso, xa deben ter cartos abondos, pois uns anos de seca. O arranxo do Pórtico da Gloria ou dos tellados da Catedral, que o paguen cos cartos do señor Castiñeiras, do ceán ou do sursumcorda. Amén.

Te puede interesar