Opinión

IMPERIUM, MULTITUDO, CATALUNYA

Cando escoito á tribo de ínclitos comentaristas ubérrimos falar sobre cataluña recordo aquela sesión da 'Máquina de la verdad 'na que Arteche, defensa central do Atlético, declaraba no polígrafo contra Gil y Gil e este imprecouno: '¡Arteche, cáaalla, que tú solo sabes de fuuumbol!' Ante a falla de rigor dalgúns argumentos coido que moitos farían unha mellor contribución ao debate público se se dedicaran ao comentario do achique de espazos.


Un falso enunciado recorrente que atopamos é o de que os territorios é os pobos non teñen dereitos, que estes só residen nos individuos. Se o que os defensores da España unha, grande e libre queren é iniciar a grande marcha cara a unha anarquía cosmopolita sen fronteiras, marabilloso. Camiñemos todos e eu o primeiro polo carreiro da Utopía. Namentres isto non sucede farei unha constatación. Dende o Neolítico, o 99,99% dos humanos somos sedentarios e nos organizamos sobre un territorio determinado. Este fenómeno orixina o que Spinoza chama 'Imperium', Soberanía, o momento orixinario no que a comunidade se constitúe politicamente e determina quen é o suxeito autorizado a dar e casar o Dereito. Ao longo do tempo, o 'Imperium' derivou da divinidade, da violencia do señor, dunha norma natural racional, do pacto social, da 'Grundnorm' trascendental. No noso presente socio político é a vontade democrática a que lexitima a existencia política de calquera comunidade de xentes. A multitude se constitúe en sociedade civil en base ao principio básico dunha igualdade ideal ante a lei e decide: quen é cidadán, que dereitos e obrigas ten e que mecanismos de coerción garanten estes. Un demócrata debe esixir ademais para lexitimar o momento constituinte que o resultado sexa, alén da vontade da maioría, a expresión do respecto e a garantía dos dereitos humanos. Porén non hai nada que defina, por esencia, que comunidade humana ten dereito a constituírse en soberana e cal non. Nin España nin Cataluña teñen un dereito esencial á soberanía. Esta só pode fundamentarse na libre e dinámica adhesión da cidadanía expresada democrática e inequivocamente so a premisa do recoñecemento e a protección dos dereitos individuais e das minorías. É entón cando xurde o lexítimo dereito colectivo dunhas xentes nun territorio a definir o Dereito.


Resulta obvio logo que o cerne da cuestión catalá é de carácter político e non xurídico. Un preclaro reaccionario como Donoso Cortés expresouno perfectamente (a norma é para a sociedade e non a sociedade para a norma) cando nas Cortes Españolas liberais e conservadores discutían a legalidade dos sucesos revolucionarios de 1848. Se unha multitude manifesta inequívoca e democráticamente que quere ser creadora da Lei, ningún Código anterior pode anular esa vontade. E se alguén me di, tal como escoitei un día nunha emisora, que entón tamén sería lexítimo o dereito a decidir de Torrelodones retrúcolle: adiante! Cunha única condición: que a nova República nacionalice o Casino para que ¡Nunca Mais! poidan botar das súas instalacións a Joaquín Sabina. Th, th, that´s all folks.

Te puede interesar