Opinión

Non sei, pregunto

Hai unha chea de anos xa, cando a Xunta aínda estaba presidida por Manuel Fraga e o Concello de Bande xestionado polo desaparecido Amador de Celis, con motivo dunha viaxe institucional do primeiro á Baixa Limia por mor de non lembro ben qué causa, logo de participar nalgún acto na capitalidade do municipio, a comitiva desprazouse ata o lugar do Baño, ó pé dunhas pozas antropomorfas das que saían uns enigmáticos vapores de auga que convidaban a meterse nelas.


O obxectivo do alcalde non era tanto mostrarlle ó presidente da Xunta as singulares pías de auga, senón darlle a coñecer o potencial turístico que agachaba aquel lugar ó pé do embalse das Conchas, un potencial que se vería multiplicado se ademais de poñer en valor as devanditas termas, a Xunta se comprometía na posta en valor do xacemento arqueolóxico de Aquis Querquennis así como, dous quilómetros máis alá, na igrexa singular de Santa Comba de Bande.


Consciente de que o que o alcalde lle estaba a ensinar tiña un innegable potencial, pero tamén algunha que outra dificultade, o presidente da Xunta preguntoulle ó alcalde se estaba estudado cómo se ía evitar que as augas do encoro anegaran os mananciais termais.


Entón, o inefable Amador de Celis, faloulle da posibilidade de construír un gran dique que illara os baños e o xacemento militar das fluctuacións de caudal do encoro, ó que Fraga Iribarne lle contestou con un moito máis racional: 'E non sería máis lóxico seguir a veta acuífera e explotar o manancial onde non lle afectaran as augas do embalse?'


Conto esta anécdota ó fío dos sucesivos problemas que cada cando sofren as termas da capital, cada vez que ó Miño se lle dá por deixar crecer o seu caudal.


Non sei, pregunto? ¿Non tería sido moito máis económico apartar no seu momento do entorno do río os mananciais da Chavasqueira ou de Outariz para evitar que cada inverno as súas crecidas colonicen ?e, polo tanto, estraguen- as pozas?


Se cadra estou dicindo unha barbaridade. Pero, como lle dixo Fraga ó alcalde de Bande, é o que me dicta a lóxica.

Te puede interesar