Opinión

U-lo a conferencia...?

Ben querido presidente:

Tiña toda a intención de comentarcho nantronte, no Teatro Principal, cando coincidimos con motivo da conmemoración laica da ourensanía, pero xa se sabe que este tipo de celebracións acaban dando para pouco máis ca para os saúdos protocolarios.

Pero, non hai mal que por ben non veña, porque ó non facerche chegar a miña opinión de viva voz, isto dáme a oportunidade para que os demais, a través da lectura pública desta columna, tamén teñan coñecemento dela.

Na túa intervención falaches de transversalidade. Concretamente dixeches: "É o momento de facer unha política transversal, na que cada Autonomía se sinta unha parte activa do futuro de España e do proxecto común dos Estados que conformamos a Unión Europea..."

Como podes supoñer, comparto plenamente esta opinión, pero ó fío dela direiche que hai algo que me suscita dende hai tempo unha pregunta que me bule na cabeza.

Perante o principal desafío ó que se ten visto sometida a democracia coa que esta diversidade social que se chama España se dotou logo de corenta anos de silencio unívoco, pregúntome eu por qué aínda ninguén propuxo a necesidade de convocar unha reunión da Conferencia de Presidentes das Comunidades Autónomas, co fin de emitir unha opinión que poida reflectir se cadra unha "terceira vía" alicerzada nos principios sociais e solidarios da convivencia.

Por qué, fronte ó "queremos marchar" dunha parte da sociedade catalá e da súa meirande parte da clase política, non se propón o lema de "queremos convivir", que lle poña voz de vez a todos cantos non se pronunciaron o pasado día 9 en Cataluña, e así arroupar tamén a súa mudez, a súa impotencia ou a súa inacción colectiva?

É que, mentres a política catalá e unha parte da súa poboación afonda no mantra do "España nos roba", o resto de Comunidades Autónomas non ten nada que dicir?

Pero, quen é ese Estado tan ladrón? A súa estructura territorial, é dicir, o seu mapa? Mariano Rajoy? Os vascos, co seu secular o privilexio? Os andaluces, por cobrar o PER ou encher de man de obra no seu momento a Cataluña? Os galegos, por entregarlles, por exemplo, Fenosa ou por sermos agora receptores do AVE? Os seus veciños de Aragón, por terlles fornecido a bandeira? Quen é realmente ese Estado, senón ti, eu e todos e cada uno de nós de calquera lugar das 17 Autonomías?

Pois, se é así, supoño que é hora xa de que cada un de nós que estamos sendo acusados de ladróns debamos emitir tamén a nosa opinión neste conflicto. Non si?

E qué mellor para facelo que a través da voz diversa e representativa dos presidentes do resto das Autonomías?

Por iso, aínda que, quen teña a potestade de convocala sexa Mariano Rajoy, ti ben podías -digo eu- colocar a proposta por riba da mesa para que esa transversalidade da que falas se volva voz e nos permita seguir convivindo en diversa e solidaria democracia.

Te puede interesar