Opinión

A vila máis compostelana

Leo que hai uns días o presidente da Deputación mantivo unha reunión cos máximos responsables da definición e da divulgación dos Camiños de Santiago, que no caso de Ourense dis que son a Ruta da Praza ou Camiño Mozárabe e o denominado Camiño de Inverno que traspasa terras valdeorresas.

Leo isto e como cada vez que escoito falar dos Camiños a Compostela sen que se faga a máis mínima referencia a aquel que pasa eufemisticamente pola porta da miña casa acéndeseme unha luz de alarma, pídeme o corpo achegar unhas cantas evidencias para demostrar a inxustiza histórica que a Xunta de Galicia ten feito dende o ano 1993 co que hoxe denominamos Camiño de San Rosendo e que aínda está a tempo -se hai vontade e interese- de recoñecer para o próximo Xacobeo que, como todo o mundo sabe, cadrará no xa non tan lonxano ano de 2021.

Velaí van, polo tanto unhas cantas evidencias, precedidas dunha taxativa afirmación co que me atrevo a retar a quen me lea e non estea de acordo con ela, para que me rebata do mesmo xeito e por escrito: ¡Celanova é a vila máis compostelana de Galicia!

Vexamos, senón:

Empecemos por dicir que Rosendo Guterres, o fundador do mosteiro Celanovés, exerceu de bispo compostelano cando a sede nin sequera estaba en Compostela, é dicir, denantes incluso do alumeamento do culto ó apóstolo.

Digamos tamén que xa no ano 1071, o mosteiro de Celanova era posuidor de varias vivendas ó lado da Catedral "para que los monjes que fuesen a aquella ciudad tuviesen casa en que hospedarse y descansar algunos días".

Digamos, así mesmo, que no ano 1142, o abade de Celanova, don Pelayo, e o tenente de obediencia de San Paio de Veiga e representante dos hospitalarios de Xerusalén, asinaron un pacto "para construír e rexentar un hospital en Portela (Verea) para peregrinos".

E, sobre todo, digamos que mesmo no altar da igrexa conventual celanovesa copresiden o santuario -no mesmo rango có fundador- as reliquias dun dos sete discípulos directos do apóstolo, é dicir, o varón apostólico San Torcuato.

Digamos, ademais, que a única institución monástica que como Compostela contaba con Pertigueiro, era Celanova. E que un celanovés, Mauro Castellá Ferrer, escribiu, alá por 1610, a "Historia del Apóstol de Jesús Cristo Santiago Zebedeo, Patrón y Capitán de las Españas", para que quedara ben claro a quen se refería.

Alguén dá máis? Pois que o poña por escrito! 

Te puede interesar