Opinión

Amorodos salvaxes

A morte, Deus, a familia, as mulleres, os temas habituais na xa longa reflexión existencialista de Ingmar Bergman déronse cita en “Amorodos salvaxes” (1957), para algúns a obra mestra do cineasta sueco.

Realizouna no ecuador mesmo da súa carreira, que empezara en 1945 con “Crise” e rematándoa con “Fanny e Alexander” en 1982. Esa época –a de “Amorodos salvaxes”- corresponde a unha etapa de crise existencial en Bergman. Son os anos nos que o cineasta afronta con maior desacougo o sentido da vida e da morte, as súas difíciles xustificacións, a súas confusas razóns. Deus aparece enunciado e posto a proba nesta película e nas que gravitan ó seu arredor, como “O sétimo selo” (1957). Ingmar Bergman, naquel entón, non di que o inferno son os demais, senón que vivimos literalmente dentro do inferno.

O filme designa non só o lugar onde se dan os amorodos, senón tamén o tempo en que maduran. Os amorodos son a vida, a xuventude e, á vez, a morte, a vellez. Formulan un tipo de simbolismo moi claro na obra de Bergman, cineasta existencialista, íntimo, sempre poético, tan capaz de rastrexar a paisaxe luar dun rostro como de incidir directamente no interior desa paisaxe.

O protagonista de “Amorodos salvaxes” ten a mesma idade que asemade tiña o seu intérprete, Víctor Sjöstrom, 78 anos, máis coñecido pola súa condición de director (formou con Mauritz Stiller as dúas grandes pilastras do cine clásico sueco) que pola súa esporádica aparición aquí como o profesor Borg que intúe unha morte próxima, e a quen por certo só lle quedarían tres anos máis de vida. Sjöstrom morreu en 1960.

A relación da película con “O sétimo selo”, que a precede, é profunda, pois en ambas un home descóbrese a si mesmo, así como o sentido ou o absurdo da vida, a través da maldición biolóxica da morte. Todo o filme de “Amorodos salvaxes” bascula sobre dúas direccións contrapostas: o pasado, que é unha busca do tempo perdido, e o presente, que é a antesala do derradeiro estertor. E Ingmar Bergman, que describiu un Borg egoísta e insolidario, finalmente aproba un Borg que, ó menos, pode congraciarse co seu fillo, e ver a vida como se ve a historia dun filme: con claridade e desde a escura estancia dunha sala de proxección.

Te puede interesar