Opinión

Bastión de cineastas

Desde as súas primeiras andainas polas ladeiras de Hollywood en 1942 da man da Metro Goldwyn Mayer, Esme Chandleee foi o bastón de grandes estrelas do celuloide como Judy Garland, Clark Gable, Katherine Hepburn ou Tom Selleck ata a avanzada idade de 89 anos. Representante de calquera actor de renome que se prece, Esme Chandlee dedicou máis de medio século a un traballo que, segundo as súas palabras, “amaba”. “Moitas veces penso que a relación entre representante e actor é moi forte”, dixo Chandlee nunha entrevista no ano 2001. “Somos como unha familia”, rematou a representante.

A publicista morreu a finais de novembro de 2012 mentres durmía na súa casa en Hollywood Hills (California). Tiña 94 anos. Nacera en Long Island (Nova York) no 1918. Ós tres meses a súa familia mudouse a Os Ánxeles.

Tras deixar a Metro Goldwyn Mayer, a fins dos anos 50, Esme Chandlee uniuse como socia á compañía de relacións públicas Cleary, Strauss & Irvin. Máis tarde pasaría a colaborar coa cadea de televisión NBC, onde foi produtora asociada do espazo “Here´s Hollywood”, un dos primeiros programas que contaba con entrevistas a celebridades. Estivo no aire de 1960 a 1962. Durante esta época, e cun espírito emprendedor inesgotable para unha muller neses anos, fundou, ademais, a súa propia empresa Esme Chandlee Relacións Públicas, e os seus primeiros clientes foron a parella de actores John Cassavets e Gena Rowlands. “Ela era a raíña. Traballei con ela desde que deixou a MGM. Tiña moita clase”, asegurou en máis dunha ocasión Gena Rowlands.

Chandlee é a responsable das carreiras de Tom Selleck, quen non a abandonou ata que esta se xubilou, e Sam Elliot. Selleck explicou nunha entrevista que simplemente o mirara e que o quería axudar. “Díxenlle que non tiña diñeiro, e ela contestoume que iso non era un problema. Aprender o que é unha representante con tanta integridade e tan profesional foi unha bendición na miña vida”, engadiu o actor de “Tres homes e un bebé”. Esme Chandlee chegou a ser a presidenta do Club de Prensa das Mulleres de Hollywood e do Gremio de Publicistas. Non se casou nunca.

Te puede interesar