Opinión

Bisturí psicolóxico

Produtor de sólida carreira en Hollywood grazas a títulos como “O informe Pelicano”, “Heat” ou “O dilema”, Pieter Jan Brugge debuta tras a cámara con “A sombra dun secuestro” (2004), unha longametraxe de enganosa, de confusa sinxeleza na súa eventualidade, ritmo sostido, estética xélida, ton baixo e impoñente nivel interpretativo. Metade thriller “de secuestro”, metade drama conxugal, “A sombra dun secuestro” fuxe da crispación emocional e o maniqueísmo típicos doutras películas con semellante premisa (desaparición, rapto, recompensa, etc) para ofrecer unha moi seria ollada ás friccións e desaxustes que o tempo provoca nas relacións sentimentais, familiares e laborais.

Entre as moitas virtudes non hollywoodienses presentes na longametraxe destacan, primeiro, a austeridade dunha posta en escena usada non buscando o lucimento audiovisual (pese a que a fotografía e música son de primeiro nivel), senón como implacable bisturí psicolóxico, raspado das aparencias mercede sobre todo a uns encaixes, a uns axustes nunca simplemente funcionais, senón dun certeiro puntillismo encamiñado a cuestionar ós personaxes; segundo, a súa hábil dosificación dramática, a cal dá como resultado unha ambigüidade causal pouco menos que imposible de atopar no marcadísimo cine comercial de hoxe en día; e, por último, a posibilidade de ver interpretar “de verdade” a Robert Redford, de recuperar a Willem Dafoe sen facer de malvado do montón, e de gozar cunha das mellores actrices vivas, a incomparable Helen Mirren, cuxos silencios e olladas dan verdadeiro peso a esta película absorbente, melancólica, astuta e dolorosamente humana.

Película tensa, bastante abafante e feita de tempos mortos e sensacións no límite, ás veces estraña, pero con notable elegancia á hora de narrar e cunha calculada fuxida de todo efectismo. De verdade que merece a pena.

Te puede interesar