Opinión

Fábula de conto

Aninguén lle debería estrañar, sorprender que unha historia tan dramática como a que lle ocorre ó protagonista de “A terminal” sexa tratada por Steven Spielberg como unha fábula que entronca directamente con contos como “Que belo é vivir!” e, sobre todo, “Cabaleiro sen espada”, ambas dirixidas por Frank Capra.

Un tipo quédase sen país, vese obrigado a vivir na terminal dun aeroporto e o director de “Encontros na terceira fase” é capaz de rirse diso coa primeira hora máis divertida do último cine feito. Auténtica xenialidade! Tom Hanks non interpreta a un estranxeiro dun país do Leste, Hanks parece do mesmo centro de Krakozhia. O noso James Stewart particular está enorme, pero igual había xente que esperaba que Spielberg tratara o tema coa profundidade,  a parsimonia, a decrepitude e o pesimismo que puxera por exemplo o director máis prestixioso da mesma Krakozhia. Steven Spielberg acude incluso ó humor físico do Jacques Tati de “Playtime” (película con enormes descubertas, pero infinitamente máis aburrida que esta, aínda que para algún crítico non sexa realmente así)

Por outra parte, ó guión de “A terminal” nótaselle a man mestra de Andrew Niccol, que non por casualidade escribiu tamén “O show de Truman”, cinta coa que “A terminal” mantén ton e numerosos puntos en común. Pode que a historia de amor entre Diego Luna e a policía estea collida con alfinetes (non así a de Hanks e Catherine Zeta-Jones) e que o gag do abrigo sexa o máis forzado, pero son problemas menores nunha película na que funciona ata o motivo da viaxe de Hanks a Estados Unidos.

Quizais había xente que esperaba unha profunda teoría sobre o ser, pero o contido desa caixiña non pode ir máis acorde co ton deste incomprendido filme, que culmina co mellor e máis cerrado final aberto dos posibles, valla o paradoxo. Remato comentando a marabillosa banda sonora de John Williams. Coma sempre, todo un mestre, todo un clásico.

Te puede interesar