Opinión

José Carlos Alfaro Gómez

Nado en As Chavolas de Ribadavia (Ourense) en 1949, foi un ourensán do Ribeiro do Miño, terra farturenta e fermosa, unha terra que nunca foi fértil en poetas autóctonos que canten na súa terra, como nos di Alonso Montero. É o máis grande poeta do Ribeiro, despois de Eladio Rodríguez (1864-1949). Foi un poeta patriota. Nas súas poesías canta as terras do peregrino Miño, do Arnoia que descorre ós pés do Coto Novelle, o gatiño dos montes como lle chama Otero Pedraio, entoando cantigas texidas de branca escuma, e do Avia, de Leiro e de Ribadavia.


A súa poesía é unha homaxe á muller. Tamén compuxo poemas elexiacos ó seu fillo Carlos que a morte lle roubou á idade de oito anos. A súa poesía é social, relixiosa, sempre solidaria humana e elexíaca. Trátase dun humanista que emprega palabras bíblicas aprendidas nos seus anos de estudo no Seminario de Ourense. Un poeta intimista como o deixou refrexado na elexía que lle adicou ó seu fillo morto en 1987 a que lle chama fértil báculo inmolado, querubín e romeiro do alén. Poucas veces nos atopamos cunha poesía intimista tan intensamente sentida.


Tamén é o poeta dos Xogos Florais. Fai loubanzas do Ribeiro cando canta as viñas, a eirexa e a camelia. Os seus poemas están escritos dende a vida e dende o fondo do seu corazón e non só dende a literatura. Foi un francotirador na poesía. Escribiu pouco, pero corrixe e traballa moito a palabra e a rima.


As súas obras son ‘As labaradas da lembranza’ (1996), ‘Matria da Néboa’ (1997), ‘Ofertorio de Solpores’ (1999), ‘Pasos cara a Alba’ (2000), ‘Alén do lume’ (2002), ‘Clamor do Ecipre’ (2004), ‘Confitero’ (2005).


Alfaro foi escritor, poeta e prosista, colaborador nas revistas e na maioría dos xornais galegos. Soupo abrir gabeas coa pluma e, cansado do duro bregar, en maio do 2008 emigrou para a casa do Pai, misterioso fogar, donde descansa bicando o seu fillo Carlos e vendo a Deus cara a cara.


Acadou os premios de poesía Meigas e Trasnos, Rosalía de Castro, Concello de Marín, Gonzalo López Abente, Galicia no Rolán, Antón Tovar, Concello de Betanzos, Concello de Vigo, XX Premio de Poesía Cidade de Ourense e numerosos galardóns no eido xornalístico.


O domingo 20 de setembro do ano 2009 ó poeta do Ribeiro Xosé Carlos Gómez Alfaro foi homenaxeado na súa aldea natal de As Chavolas polo PEN club de escritores galegos.


Alfaro deixounos pero non se foi para sempre como nos dixo Alonso Montero o Día das Letras Galegas do ano 2008.


Na Casa da Cultura de Ribadavia declamaron poemas na súa honra e presentaron o libro ‘Poesía Galega toda’. Unha recopilación de obras do poeta do Ribeiro quen un día nos dixera: Brindo para ti temón do Ribeiro, Espiritu do Miño, Flor lourada do Avia, Seiva do Arnoia sosegada Vagalume dos vales rebuldeiro

Te puede interesar