Opinión

Xesús Rodríguez, misioneiro en Chile

Fai unhos días entereime polos xornais que Xesús Rodríguez estaba en Ourense, onde vai presentar un libro que leva o título deste artigo. Eu coñecín a Xesús Rodríguez aló polo ano 1964, cando convivimos xuntos na antiga Casa Sacerdotal de Ourense. Xesús era xa entón un líder, un lector empedernido, un namorado da Teoloxía positiva, da pastoral, que entón en Ourense era caseque descoñecida, do que máis tarde foi a Teoloxía da Liberación e do movemento obreiro. Un crego procedente do Seminario Hispano-Americano de Salamanca. Era unha vocación tardía. Un home que falaba a cotío dos símbolos e dos signos dos tempos. Un namorado do Concilio Vaticano II. A min descubriume a revista francesa ‘Informaciones’ e a libraría Porto da Coruña, onde el se surtía das últimas novedades editoriais que chegaban de Francia, de México e de Inglaterra.


Cando mercaba libros nunca mercaba un só, púñaos expostos no seu cuarto sobor da cama. Invitábame a pasar (moitas veces atopeino de xeonllos o pé da cama facendo oración), para ver ás derradeiras novidades editoriais adquiridas por el. A continuación elexía un, o que el vía que eu máis necesitaba naquel intre, e decíame: ‘Leva este libro, leo, e despos devolvemo’.


Falábame da JOC e da HOAC, que el coñecía perfectamente, e dos seus órganos de difusión, como os boletíns. Vendo estas suas cualidades, o bispo Temiño destinouno de coadxutor a parroquia da Ponte, para estar en contacto con don Xexús Pousa, que naquel intre era o único crego preocupado pola cuestión social e obreira. Encargouse dos ferroviarios e da JOC e da HOAC. Con Xesús apren dín que había uns barrios marxinados, como eran o Ribeiriño, a Chavasqueira, Ponte Lebrona, As Eiroás, os terreos que hoxe ocupan as termas e o Tinteiro. Estaba sempre en contacto cos seus antigos compañeiros de Salamanca: Parrilla e Lois, este de Santiago de Compostela, un verdadeiro humanista cristián, un sabio que máis tarde se encarnou e inculturou a fe en Vallecas (no Pozo do Tío Raimundo). Era xa entón un cura preocupado pola formación que se lle impartía aos novos seminaristas, e para que eu ou entendese ben decíame: ‘Onte a mañanciña cando ía para a parroquia da Ponte dicir misa ó pasar pola Ponte Vella mirei cara Ervedelo e vin unha nube que non estaba queda, e algunhas mañáns de bretema tapábame a visión do Seminario’, e remataba dicindo: ‘Cantos alí explican e forman non entenden os signos dos tempos’. Falábame dos curas obreiros franceses, de monseñor Marcel, de monseñor Larraían e dos teólogos máis importantes de Centro Europa que viñan de brilar con luz propia no Concilio Vaticano II.


A Xexús quedaballe pequena a Igrexa ourensana por estar desfasada e soñou sempre en Hispano-América. Criticabamos todo. Recordo que Pepe Martínez o ‘Manchica’, estaba de coadxutor na Trinidade, no mes de ánimas arrincaballe algunhas follas ás novenas das áni mas e despois comentabamos aquiles contiños relativos o purgatorio e o inferno. Recordo unha daquelas folliñas que falaba dun bispo que estaba no purgatorio: ‘Mitra de lume, báculo de lume, coriniña de lume e movéndose sobre ascuas’. Aquelo a min horrorizábame pero tamén me facía rir moito.


Xesús impactou profundamente no ‘Manchica’ e tamén lle meteu o ‘verme’ na cabeza, ata que xurdiu nel a idea de irse a Venezuela. Xesús falábame do Chile de Allende. Máis tarde foi testemuña da represión de Pinochet, escondeu na sua casa e deulle de comer a moitos perseguidos polo réxime dictatorial. Tamén influiu en Alesandro Bugallo, que máis tarde marchou a Brasil, onde mora hoxe secularizado.


Xesús foise para Chile porque tiña craro que naquel intre era o único país de Hispano-América onde se podía faguer Igrexa e disentir un tanto da xerarquía sen ser castigado. Xesús quixo vivir sempre como un cura obreiro. Eu seguinlle sempre a pista e sei polos cregos ourensáns que alí estiveron, Florencio Gándara, Chasquiño (cura de Santo Eusebio da Peroxa), José Luis Iglesias, quenes me falaron sempre da obra pastoral que estaba a faguer en Chile, onde levou a práctica as ideas pastorais que entón non se podían levar a cabo eiquí. Xesús foi sempre un verdadeiro crego obreiro que soupo compaxinar a labor pastoral ca represión e ca oración. Xesús, agardo que este libro que nos vas presentar recolla fielmente o teu pensamento e o teu compromiso co mundo dos pobres e dos asoballados pola inxustiza. Quixera que agora quedases en Ourense e que te aproveitasen para animarnos a todos a encarnar e a inculturar a fe.



Te puede interesar