Opinión

Arqueólogos

Excavación urbana municipal en 2003
photo_camera Excavación urbana municipal en 2003

Parece que foi onte, e xa case pasaron sete anos. Os xornais publicaban unha fotografía terrible que emerxía do cruel conflito en Siria, a do arqueólogo Khaled Asaad, decapitado e pendurado polos pés nas ruínas do xacemento arameo-romano de Palmira, a antiga cidade de raíña Zenobia. Foi en agosto de 2015 e tiña 81 años. Segundo varios xornais e a Sana -axencia estatal de noticias de Siria- fora detido no mes de xullo. Despois de ser interrogado polo Estado Islámico - “EI” - durante varios días para descubrir onde estaban gardadas varias pezas arqueolóxicas, sen que lle arrincaran confesión ningunha, o decapitaron. E non só a Khaled. As mesmas fontes indicaban que era o décimo cuarto funcionario de xacementos arqueolóxicos asasinado polo “EI” en Siria. As tiranías non adoitan levarse ben co pasado.

Noticias como esta sorprenden, porque é difícil predicir o papel que poden desenvolver os arqueólogos en situacións de conflito. Terrible, pero afortunadamente non son situacións habituais. As crueis noticias que viñan de Siria contrastan coa imaxe aventureira do arqueólogo que aínda rexe na sociedade. Non é para menos, porque o romanticismo que se atribúe á profesión provén dos descubrimentos que acaecían en lugares que se consideraban exóticos no final do século XIX e inicios do XX. Eran tempos de pirámides, templos, santuarios e cidades perdidas en selvas e desertos moi afastados das universidades, museos e doutros centros de investigación. E todo aderezado con películas efectistas tipo Indiana Jones, nas que a arqueoloxía permanece en segundo plano tras a potente figura do protagonista. Pese a imaxe chea de romanticismo, os arqueólogos da actualidade exercen varias funcións no desenvolvemento das súas tarefas. Fundamentalmente son catro, e como poderán ver, carecen desas vertentes tan épicas. En primeiro lugar -sen que a orde agache xerarquización ningunha- a docencia oficial, que exerce o profesorado universitario e ten por obxecto a formación de futuros arqueólogos; actualmente prepárannos nas técnicas arqueolóxicas necesarias para a profesión e no coñecemento das etapas históricas pola que pasou a humanidade. A segunda é a arqueoloxía executiva, practicada polos arqueólogos profesionais, empresarios ou autónomos, contratados polas institucións ou polos promotores de obras que necesitan deles para resolver proxectos que foron condicionados coa realización dunha intervención arqueolóxica. No terceiro grupo incluímos aos profesionais da arqueoloxía que se encargan da musealización dos restos arqueolóxicos, tanto das estruturas que aparecen nas escavacións, como do estudio e difusión dos obxectos tamén arqueolóxicos. Gran parte deles desenvolven estas actividades nos museos ou noutros centros de estudo e difusión. Finalmente, a arqueoloxía administrativa, á que lle corresponde conducir polas canles legais e normativas todas esas intervencións arqueolóxicas, sexan escavacións, controis ou prospeccións. No caso concreto de Galicia, estes arqueólogos adoitan formar parte de dúas administracións: a autonómica, integrados neste caso en servizos técnicos arqueolóxicos da Xunta de Galicia, tanto na súa administración central, como en cadansúa xefatura territorial provincial, ademais da de Santiago de Compostela. Despois, na administración local, caso de concellos como o de Ourense, nas que os arqueólogos -como eu mesmo- traballan formando parte de gabinetes de arqueoloxía. Existen ademais arqueólogos nalgunha deputación, que como saben, tamén forma parte da administración local. Máis, independentemente do rol profesional que ocupe un arqueólogo, ante todo é un arqueólogo, que no noso caso particular, extraerá coñecemento histórico da obrigada tramitación administrativa.

Te puede interesar