Opinión

O camafeo das Burgas

As Burgas foron esenciais para o nacemento da cidade de Ourense. Estas augas termais, sacralizadas cando menos dende os últimos momentos da prehistoria, son un don que nos outorga a estrutura xeolóxica do val de Ourense, cunhas fallas que permiten un ciclo acuático baixo a codia terrestre que devolve as precipitación pluviais transformadas en caudal termal,  augas quentes e mineralizadas dotadas de propiedades curandeiras.

Tales condicións foron valoradas polas xentes de aquí dende hai milenios, que veneraban a un deus cun estraño nome para as falas actuais, Revve Anabaraego. Moraba nestas fontes, concedéndolle as cualidades milagreiras que despois os romanos materializaron coa construción dun santuario. Detrás da Burga de Arriba, se conservan as súas ruínas, froito das escavacións que promoveu o Concello de Ourense e dirixiu Celso Rodríguez Cao. As investigacións arqueolóxicas permitiron descubrir varios altares dedicados a este deus, con nome de forte resonancia prerromana. Con eles, ademais doutros e variados materiais arqueolóxicos, apareceu unha peza sinalada: un camafeo tamén depositado como ofrenda e culto a estas augas sacralizadas. Exhumouse nun contexto arqueolóxico que a situaría entre mediados do s. I d. C. e mediados do s. II. Podemos obter información sobre o achado nas publicacións que fixemos sobre as escavacións das Burgas, entre elas o libro “Aqva Divi Vrbs”, editado pola Deputación de Ourense, ou na “Peza do Mes” de maio de 2012, publicada polo Museo Arqueolóxico e presentada por Manuel Xusto Rodríguez. O camafeo, cunha forma sensiblemente circular duns 3,30 cm de diámetro, foi elaborado con pasta vítrea de dúas cores. Sobre a capa inferior azul, que pode simbolizar tanto as profundidades como os espazos elevados -mar/ceo, á súa vez é atributo de deuses como Xúpiter e Xuno-, superponse outra capa de cor branca e moi fina; é a cor da luz, ideal para reproducir escenas mitolóxicas. As dúas cores combinadas poden simbolizar a harmonía e o equilibrio. A decoración representa a escena da deusa Venus –ou Afrodita- preparándose para tomar o baño. Ela ten o pelo recollido nun moño alto. Aparece núa, de perfil, no momento de descalzarse; un brazo se apoia nunha rocha, que tamén soporta o manto da deusa. Fronte a ela outra figura, tamén de perfil e núa, sostén unha vasilla con auga que verte no interior dun recipiente con tres pés. A composición pódese interpretar en relación co ciclo de Afrodita cun erotes -deuses menores gregos do amor-, unha escena no momento do baño.

Este camafeo elaborouse mediante a técnica de molde. Nel introducíase a pasta branca de vidro para formar a escena mitolóxica, que se remataba coa xustaposición da de vidro azul que facía de fondo. Parece ser que a técnica fora importada a Italia dende Exipto no século I a. C.. En Roma xeneralizáronse estas producións artísticas, expandíndose por outros talleres do imperio, onde sobreviviron varios séculos. Sen dúbida este camafeo, que reinterpretamos como imaxe do Centro de Interpretación das Burgas e utilizamos de logotipo no Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense, representa unha das causas esenciais do nacemento da cidade de Ourense, As Burgas. O feito de fabricarse con molde, non deber ser unha eiva para valorar a súa importancia, como tantas peza moldeadas da Idade do Bronce ou as magníficas moedas acuñadas en serie que gardan os museos.

Te puede interesar