Opinión

Do machado ao muíño

Machado e fragmento de muÍño dos dolmens do val de Salas (Muíños).
photo_camera Machado e fragmento de muÍño dos dolmens do val de Salas (Muíños).

Os dolmens son, coma moitos saben, sepulturas maioritariamente colectivas, edificadas polos agricultores do Neolítico. En Galicia e no norte de Portugal comezan a edificarse ao redor do IVº milenio AC, en momentos nos que os novos modos de vidas campesiños van colonizando gran parte do territorio. Con eles incrementáronse as deforestacións dos bosques para crear terras de cultivo. Neses panteóns, usados segundo supoñemos por liñaxes de tipo familiar, íanse enterrando os defuntos de cada estirpe. É a primeira vez na prehistoria europea que se monumentaliza a morte, que as sepulturas acadan a categoría de monumento. Nas escavacións dos megálitos soen aparecer as pezas que acompañaron aos mortos. Son o que chamamos enxovais funerarios. Acostuman a ser variadas, especialmente ferramentas e adornos persoais. Son frecuentes as puntas de frecha, os coitelos e dentes de fouces de sílex, os machados, goivas e outros utensilios de pedra puída. Non faltan cuncos de cerámica feita a man e obxectos de adorno. Pero falareilles de dúas pezas que exhumamos nas nosas escavacións en dous dolmens do val de Salas, no municipio de Muíños: un machado puído que procedía do monumento M5 de Outeiro de Cavaladre e un muíño de man do M1 da mesma necrópole. Por que precisamente estas dúas, que son frecuentes nos dolmens? Pois porque ambas forman parte dun proceso de produción agraria tipicamente neolítica. Poden simbolizar case toda a secuencia de elaboración dun produto agrícola, dende a obtención das terras de cultivo á moenda do gran. Algo semellante ao que nos traballos de etnografía contemporánea podemos denominar “proceso do pan”, é dicir, a explicación de todas as labores necesarias para a súa obtención, desde o cultivo do cereal ata a cocción. Como poden ver, todo un complexo proceso de actividades e tecnoloxía en secuencia para obter un produto tan cotián como aparentemente simple.

O machado, xunto co emprego do lume, é un protagonista destacado de intensos episodios deforestadores que se constatan no Neolítico, talas e queimas de masas arbóresas provocadas polos primeiros agricultores europeos. Como nos esinan os estudios etnoarqueolóxicos, moi usados pola arqueoloxía, é preciso eliminar as árbores coa acción combinada do lume e da tala. Esta última podería facerse directamente coa corta ou coa técnica do “anelado”, que consiste na eliminación do tecido periférico vascular do tronco -o “cambium”-, a capa que posibilita a medra continuada durante toda a vida da árbore. O uso de ambos, machado e lume, foron frecuentes no megalitismo do noroeste, segundo sabemos polas escavacións e as análises das mostras do pole daquelas etapas. Sen dúbida os machados, fabricados con rochas duras e tenaces, foron esenciais para as primeiras técnicas agrícolas, que coñecemos como ignicultura ou cultivo de tala e roza -“estivada”-, que a etnoarqueoloxía considera a forma máis primitiva de agricultura. Os muíños tamén son abundantes nos dolmens. Son pequenos, para moer a man, e seguramente non só gran, como se constata nalgúns deles. En todo caso, non queremos deixar de conectar o significado funcional destes dous elementos procedentes dos dolmens, machados e muíños, como símbolo de dúas técnicas case extremas -inicial e final- da producción agrícola: a obtención de terra cultivable e a moenda hai máis de 6.000 anos. Como vén, para poder completar o proceso de elaboración só restaría o forno de cocción.

Te puede interesar