Opinión

Dolmens, ritos e mudanzas sociais

Pequeno dolmen M5 de Outeiro de Cavaladre, Muíños.
photo_camera Pequeno dolmen M5 de Outeiro de Cavaladre, Muíños.

Os dolmens, sartegos prehistóricos construídos polos primeiros campesiños da nosa historia, teñen formas variadas. Nada se parece, por falar de monumentos coñecidos, ó gran dolmen de Dombate, protagonista do gran centro de interpretación do Megalitismo galego na provincia da Coruña, á pequena cámara funeraria M5 de Outeiro de Cavaladre, no municipio ourensán de Muíños, que nós escavamos iniciada a década de 1990. Precisamente polas súas condicións de sepulturas, supoñémoslles aos dolmens unha forte carga ritual que pode vir referendada polas pinturas e gravados que algúns conservan, ou polos enxovais que acompañaron aos defuntos cando os inhumaron no interior destas impresionantes arquitecturas prehistóricas.

Doutra parte o rito, fortemente asociado ao universo máis fondo do pensamento simbólico -tamén relixioso-, puidera ter como función esencial a transmisión das crenzas, a perpetuación dunha forma de pensamento que está na orixe da relixión de cada grupo cultural en todas as épocas históricas. Dende este punto de vista, o propio rito, e con el os rituais, poden ser un ente tan sólido, estable e inmutable como a crenza en si que transmite, como o pensamento relixioso. Ese pensamento primixenio que os antropólogos máis acreditados definen como “Mito”, que nunca debemos interpretar como un conto ou unha lenda, senón como a crenza primaria que deu orixe ás relixións, e que soen explicar algo tan esencial como a creación do mundo, e con el, do ser humano. Pero non é cometido deste escrito entran en tantas profundidades. Para iso está autores tan prestixiosos como G. Dumézil, E. Durkheim ou M. Eliade. O que si nos interesa nesta densa introdución que lles veño de facer, é que dende este punto de vista, existen grandes posibilidades de que un dolmen sexa o soporte material dun ritual. Seguramente dun rito. E este, o rito, sería en consecuencia un dos aspectos menos cambiantes do sistema ideolóxico e de crenzas dunha sociedade, neste caso, dos construtores de megálitos, fenómeno arquitectónico-ritual que no noroeste hispánico debemos situar entre o 4300 e o 2500 BC. Pois ben, tal consideración permítenos abordar un ensaio histórico e social. Por medio das escavacións arqueolóxicas, descubrimos a variedade de monumentos a que antes nos referiamos. Dolmens de gran tamaño, panteóns con longos corredores de acceso feitos tamén con grandes lousas de pedra -non deixen de ver o de Dombate, aínda que sexa en internet- que pouco a pouco van desaparecendo e substitúense por outros moitos máis modestos, pequenas caixas feitas con lousas de pedra e que aparentemente son para enterrar unha soa persoa. Observando estas arquitecturas dolménicas, parece que o seu mundo vai cambiando. E aquí e cando podería entraría en xogo a análise sobre o ritual como un elemento esencial para deducir que puido ocorrer.

Efectivamente, se entendemos o dolmen como un soporte ritual, é dicir, unha arquitectura onde se practica un rito funerario, e que sen grandes piruetas intelectuais puideramos estendelo á esfera da relixión, estariamos ademais ante un dos elementos arquitectónicos e simbólicos máis estables para estas xentes. En consecuencia, se detectamos uns cambios tan radicais -as formas dos dolmens- seguramente é porque outros aspectos aparentemente máis cambiantes, tales como a economía, a estrutura social ou as relacións co medio ambiente, seguramente xa hai tempo que se transformaron. Indicando o inicio dunha etapa histórica diferente.

Te puede interesar