Opinión

Dúas torres medievais

Ourense no tiña muralla. Nin romana, como Lugo, nin medieval, como Santiago de Compostela. A delimitación da urbe medieval, máis que unha defensa militar efectiva, estaba encomendada á que os historiadores denominamos “cerca”. Esta, una sucesión de tapias e paredes traseiras das casas, descríbea o cronista José Adrio Menéndez no libro “Del Orense Antiguo (1830-1900)”: “...habíase encerrado todo ello (a cidade de Ourense) en época pretérita, dentro de unas tapias o paredón, especie de muralla vergonzante, de la que aún quedaban restos, abierta en varios arcos, de los que eran principales el de la Huerta del Concejo, el de la Burga y el de la Porta d´Aira”. Nese estado, máis propicio para controlar persoas e mercancías que para a defensa urbana, a cerca chega á época contemporánea.

Pero dentro da cidade existen outros edificios con estruturas defensivas. O crecente poder dos bispos e as súas alianzas nas loitas nobiliarias dinásticas, propiciaron que o burgo de Ourense fose rexentado polo bispo -señorío episcopal– dende o século XII, concretamente dende o ano 1122. Así foi ata 1628. O prelado e señor exercía o dominio dende o pazo episcopal, edificio do actual Museo Arqueolóxico, que no medievo, xunto coa catedral e outras construcións dependentes del, formaba o núcleo que articulaba a cidade. A evolución arquitectónica do pazo é digna de coñecer, tan interesante como os materiais arqueolóxicos que exhibirá, esperemos, máis pronto que tarde. Para coñecelo, recoméndolles o libro “Pazos, torres e curral do bispo de Ourense”, de Francisco Fariña Busto, anterior director do Museo Arqueolóxico. Entre as interesantes etapas construtivas, quero hoxe destacar dúas torres que se conservan, e que vostedes teñen visto en numerosas ocasións. Formaban parte das defensas, xunto con outras torres e murallas que non chegaron ata nós, deste pazo episcopal, reconstruído polo bispo Diego Velasco no ano 1131.  

A máis antiga, de orixe románica, é a que antes ocupaba o Arquivo Histórico, situada na esquina da rúa de Hernán Cortés coa de Bailén. Coñecíase como “Torre dos Brancos”, pola proximidade dos carniceiros -así chamados- asentados nas proximidades. Aínda que a torre está moi modificada, nas súas paredes adivíñanse uns rexos muros nos que se abre a porta románica dende a citada rúa de Hernán Cortés. Estaba unida coa torre chamada “Beati Martini”, desmontada cando se edificou a igrexa de Santa María Nai, por medio dunha muralla co seu adarve. A outra torre que quero mostrarlles, é unha que vostedes ven case decotío cando se achegan á Praza Maior ou ao edificio do concello. Chamábase “Torre de Santa María”, que habitualmente coñecemos como Torre Gótica. Á falta de novos datos, parece que foi edificada a finais do século XIV. A súa cara norte, que hoxe ten anexada a estancia por onde se accedía ao Museo Arqueolóxica, antes estaba libre, exenta, mirando cara á Praza do Campo, a actual Praza Maior. 

Na cidade, ademais das que hoxe lles mostramos, existían outras torres defensivas que lles presentaremos noutras ocasións. Pero sirvan as dúas que hoxe tratamos, a dos Brancos e a de Santa María, para recordarnos que os restos do pasado, neste caso medieval, seguen entre nós, lembrándonos que a historia forma parte inseparable, tanto da configuración da cidade actual, como da percepción que os habitantes -nós mesmos -temos dela. 

Te puede interesar