Opinión

As incógnitas da Ponte Vella

Non serei eu quen lles conte que a Ponte Vella é un dos símbolos inseparables da cidade de Ourense. Tamén lle chamamos Ponte Romana, aínda que non saibamos con certeza o momento exacto en que foi erixida e, polo tanto, a súa idade. Chamámoslle Ponte Vella dende que se construíu a Ponte Nova, inaugurada no ano 1918. A ponte “vella” ou “romana” aínda garda os seus segredos celosamente. As intervencións arqueolóxicas que se realizaron no seu entorno inmediato, ademais de ser escasas, nunca ofreceron datos que puideran desentrañar a súa orixe. As sondaxes e controis que realizaron os arqueólogos, non desprovistos de ilusión e sempre cargadas de curiosidade científica, nunca deron os froitos que todos desexabamos. Tamén é certo que esas intervencións atenderon a unha zona moi alterada e sometida a reformas co paso do tempo. Refírome ao sector máis próximo á capela dos Remedios e ao primeiro arco da marxe esquerda do Miño, o que permite o paso entre o “parque dos cans” e o Pavillón de Deportes.

Por iso non temos datas concretas para a súa construción, tan só teorías e propostas, e si para moitas da súas reformas posteriores, realizadas nas idades media e moderna. Esas modificacións que lle deron a forma que coñecemos como “lombo de asno”, caracterizada por un perfil a dúas vertentes -unha cara á rúa do Progreso e outra á de Santiago das Caldas-, que a separa da clásica forma romana de facer pontes, cun taboleiro de perfil plano. Vexan, se non, a ponte do Bibei, nas terras de Trives, ou a do Freixo, nas de Celanova. Por iso, a Ponte Vella de Ourense parécese ás pontes erguidas no medievo e na Idade Moderna, aínda que a súa orixe sexa considerada romana. A tradición atribúe a súa construción ao emperador Traxano (98-118 d. C.), o gran promotor de pontes, co seu arquitecto de cabeceira Apolodoro de Damasco. Sen embargo, diante da falla de argumentos científicos, existen moitas outras opinións diferentes, se ben escasas, pese a ser un dos monumentos sinalados da nosa cidade. Citamos os traballos históricos dos enxeñeiros e investigadores Segundo Alvarado, Manuel Duran e Carlos Nárdiz, que propoñen unha primeira edificación no século I d. C. e a posterior reconstrución no século III, nos tempos dos emperadores “Severos”: Septimio Severo, Caracalla e Xeta; outros investigadores, como os arqueólogos Santiado Ferrer e Antonio R. Colmenero, baseándose nos miliarios que acompañan o trazado da vía romana que pasaba sobre a ponte, sitúan a edificación nos tempos do emperador Caracalla. Se relacionásemos o nacemento de Ourense, o que acontecería pola segunda metade do século I d. C., coa Ponte Vella, como sosteñen Ferro Couselo ou Juan Carlos Rivas, a súa construción debería ser dun momento semellante, ou inmediatamente anterior. Seguramente por iso Rivas, nunha obra monográfica sobre esta ponte, publicada no ano 2014, propón a súa edificación entre os anos 25-20 a.C., na etapa da conquista romana polo emperador Augusto.

Os materiais de construción que conservan algúns piares, os perpiaños almofadados característicos da obra pública romana, parecen indicar que a súa primeira edificación tivo lugar en época tamén romana. Sería necesario acometer un proxecto arqueolóxico que axudase a concretar a súa antigüidade. Incluso a precisar se orixinalmente estivo no mesmo lugar que hoxe.

Te puede interesar