Opinión

Ofrenda ás Ninfas do mar en Ourense

Ara das Ninfas Mariñas de Canedo.
photo_camera Ara das Ninfas Mariñas de Canedo.

O 30 de xullo de 1958 falecía o arqueólogo e prehistoriador Florentino Cuevillas. O “Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense” rendeu tributo ao máis brillante dos investigadores que deu esta cidade, e o fixo editando un tomo en homenaxe a el, o número XX, correspondente aos anos 1959 e 1960. Noutra ocasión contareilles máis detalles desta interesante publicación. Hoxe tan só me limito a recordarlles un artigo incluído nela sobre a inscrición dun altar dedicado ás Ninfas do mar, atopado en 1958 cerca de Ourense, no lugar de San Miguel de Canedo. Foi publicada polo meu antigo profesor -que eu considero mestre- Xaquín Lorenzo Fernández, “Xocas”.

A inscrición ten carácter votivo e foi dedicada ás Ninfas mariñas nesta paraxe de “terra adentro”. O texto pétreo di o seguinte: “NYM / MARI / AC CA / AST AUG / VSLM”, que traducido é “Accilio Catulo, asturaugustano, cumpriu libremente este voto ás ninfas mariñas”. O pequeno altar ou ara atopouno José González Paz por casualidade, xa que facía de soporte dun banco no pazo de Canedo. Conseguiu que dende alí fora trasladada ao Museo Arqueolóxico de Ourense, onde actualmente se conserva. O feito de que aparecese de forma casual, sen que saibamos o tipo de xacemento arqueolóxico do que procede, incluso a zona xeográfica exacta, limita notablemente a interpretación, que se reduce á orixe do dedicante, Accilio Catulo, e a identificación das deidade mariñas. O primeiro viña da cidade de Astúrica Augusta, actual Astorga, unha das tres capitais da Gallaecia dende o século III d. C. Como ben saben, no cambio de era e na época de Augusto fundáronse no noroeste tres capitais que levan no seu nome o apelativo en homenaxe e ese emperador: Brácara Augusta, actual cidade de Braga, Lucus Augusti, Lugo e Astúrica Augusta, como vimos, Astorga. De momento non podemos saber mais de Accilio. Algúns investigadores cren que o nome ten unha implantación maioritariamente mediterránea, polo que a referencia na inscrición a cidade de Astúrica Augusta puidera indicar que se trata dun membro da administración romana instalado na Astorga romana. Aínda así seguimos sen saber como apareceu a ara en Ourense ou se a dedicatoria tivo lugar por estas terras. En canto as deidades que aseñoran os mares, tamén descoñecemos se a ofrenda é para as Oceánides, fillas do deus Oceano en referencia ao Atlántico, ou ás Nereidas, fillas de Nereo e deusas do Mar Interior ou Mediterráneo. En todo caso, o altar que Accilio Catulo dedicou ás Ninfas mariñas se suma ás escasas dedicatorias a deuses do mar que aparecen na Galicia romana. Quizais as máis destacadas sexan as inscricións dedicadas a Neptuno. Unha é a coñecida como “O Pedrón”, atopada na antiga Iria Flavia, en Padrón. Outras proceden do castro de Alobre,en Vilagarcía de Arousa, gardada no Museo de Pontevedra, e da Coruña, seguramente do Brigantium romano.

De todos modos, debemos lembrar que esta zona do Miño onde se sitúa Canedo contén evidencias dunha intensa romanización, como deron a coñecer as escavacións previas á reforma da estación do ferrocarril na Reza Vella, onde se localizou un asentamento pouco difundido. A ara dedicada ás Ninfas do mar se suma ás deidades romanas que se localizaron ata o momento no entorno de Ourense.

Te puede interesar