Opinión

Os outros

Quizais o título deste artigo lles pareza inquietante, porque o tomamos dunha longametraxe de Alejandro Amenábar, estreada no ano 2001. A película trataba, lembren, a convivencia de persoas diferentes, seres que vivían en mundos moi antagónicos: o dos vivos e o dos mortos. Eu non lles vou falar de aparecidos nin de espíritos, se non dunha situación que se deu en Europa hai uns 50.000 anos, coa chegada na nosa especie, o “Homo sapiens”, ao continente.   

Cando arribamos, termo que serve tanto para chegar en barco como por terra, deuse unha situación estraña. Non estabamos sós, se non que estes territorios estaban habitados por outra especie intelixente, humana. Eran os neandertais, que levaban poboando o continente dende uns 200.000 anos atrás, resultado da evolución dos “Homo heidelbergenses”. Así nós, os sapiens, convivimos cos eles en moitos lugares de Europa, por suposto tamén na Península Hispánica, durante uns 20.000 anos, ata a extinción que rematou cos últimos redutos neandertalenses. Aquela situación de coexistencia, ou polo menos de observarse, coñecerse mutuamente ou de compartir os territorios de forma máis ou menos pacífica, foi unha experiencia excepcional e irrepetible, tanto que na actualidade non a podemos concibir. Hoxe tan só se repetiría se outra vida intelixente chegara ao noso planeta procedentes do espazo exterior. O impacto cultural sería moi sorprendente, case inconcibible. Pois reparen que tal situación xa se deu no pasado lonxano, e é moi difícil de imaxinar como serían as relacións entre as dúas humanidades tan diferentes, tanto que eramos distintas especies biolóxicas. Se na actualidade, que somos unha soa, existe o racismo, é de supoñer que a cohabitación non debeu ser doada. De certo os neandertais extinguíronse hai uns 30.000 anos, pero parece que a súa herdanza xenética está presente no noso ADN, aínda que en pequenas proporcións. Eran xente dotadas de crenzas e principios, como poñen en evidencia as tumbas de Shanidar, no actual Kurdistán iraquí, cunha posible antigüidade de 80.000 anos. Alí os arqueólogos exhumaron, entre outros individuos, un ancián neandertal que presentaba serias lesións producidas ao longo da súa vida. Mostraba varias fracturas nunha perna e tiña un antebrazo amputado. Ao anterior sumábase a cegueira dun ollo e unha xordeira conxénita. Parece evidente que un individuo así debeu ter grandes problemas para subsistir por si mesmo, o que se viría agravado unha vez chegada a idade avanzada. O máis probable é que vivira coidado polo resto do grupo, polos outros neandertais. Ademais, a fosa funeraria na que apareceron os corpos, oito adultos e dous lactantes, estaba cuberta por terra que contiña pole de flores, o que se interpretou como evidencia dun delicado ritual funerario. Incluso investigacións moi recentes realizadas nas covas españolas de La Pasiega, Maltravieso e Los Ardales, atribúen as pinturas rupestres aos neandertais que habitaron estas cavidades. De confirmarse definitivamente, os sapiens non seriamos os primeiros artistas da prehistoria, como sempre pensamos.   

Os neandertais tamén viviron moi cerca de nos, nos altos de Toén que rodean a cidade, como comprobamos no xacemento da Piteira. Cando a nosa especie irrompe no val de Ourense, de certo que contactaron. Seguramente cohabitaron e, acaso, tiveron algún descendente común. Mágoa que a acidez da noso territorio impida conservar restos humanos tan antigos. O que dariamos por coñecer aquelas historias dos “outros”...

Te puede interesar