Opinión

Vellos deuses en Ourense

O cristianismo tardou en chegar a occidente. Debemos esperar ao século III para verificar a existencia de comunidades cristiás establecidas no noroeste de Hispania. Ourense ten escasas evidencias temperás, aínda que si aparecen en territorios cercanos, caso do sartego de Temes -Carballedo, na Ribeira Sacra-, datado entre os anos 320 e 330, xunto con outros  restos cristiáns reutilizados na mesma igrexa. Pero séculos antes, a nosa cidade ofrece evidencias doutros deuses. Uns moraban aquí, adorados polos galaicos que habitaban os castros da Idade do Ferro. Outros viñeron cando os conquistadores romanos. Deles temos noticias grazas aos descubrimentos arqueolóxicos.

Nas escavacións efectuadas no Museo Arqueolóxico, apareceu unha ara votiva -un altar-, posiblemente do século I d. C. A súa confusa inscrición, I.O.M. / CCR/ VS, conserva sen embargo o nome do deus ao que se dedicou: “Iupiter Optimus Maximus”, “Xúpiter, o Mellor e Máis Grande”. Era o deus supremo do panteón romano e protector da cidade de Roma. A maioría das urbes do imperio, en canto que se consideraban “pequenas Romas”, adoitaban erixir no foro ou noutro espazo principal o templo dedicado á Tríade Capitolina, formada por Xúpiter, Xuno e Minerva. Non se fai raro atopar o altar na contorna do museo, da que proceden elementos construtivos romanos de prestixio, como cimentos monumentais, capiteis, bases, fustes de columnas e outros elementos marmóreos de gran calidade. Para algúns destes capiteis, como sospeitabamos, se propoñen cronoloxías comprendidas entre os séculos III e IV d. C. Na Horta do Caneiro, cerca da casa do Deán Bedoya -no actual Camiño Caneiro-, apareceu outra ara dedicada á deusa romana Tellus. Como ben describe Belén Lorenzo Rumbao nun texto sobre o desaparecido peche do coro medieval da catedral de Ourense, “En 1984 na zona do Camiño Caneiro, ao abriren a actual rúa Ramón Cabanillas, non lonxe do lugar de moradía do deán Bedoya e onde aparecera a ara de Tellus que existe no Museo Catedralicio...”. A inscrición do altar, custodiado no Museo Diocesano de Ourense, di TELLVRI / G SVLP / FLAVVS / EX VOTO, “Gaio Sulpicio Flavvo dedica este exvoto á deusa Terra”. Tellus é a personificación da Terra Nai, asimilable á Xea grega. Nun principio aparecía aparellada co numen masculino Tellumo. 

Existen en Ourense outras deidades menores do panteón romano que coñecemos a partir de evidencias arqueolóxicas, concretamente outras dúas aras atopadas na cidade. No cruce entre as rúas Erbedelo -con “b” de érbedo- e Dr. Fleming apareceu unha delas, seguramente funeraria, que se  ofreceu aos deuses Manes. A súa inscrición di D(iis). M(anibus). S(acrum) / LIC(senae). AMAN / DAE LICSE / NVS.CONIV / GI PIENTISS(imae), ou “Consagrada aos deuses manes, Licseno dedica este altar funerario a Licsena Amanda, a súa esposa piadosísima”. Os Manes eran os “benévolos”, almas dos mortos ás que se lles invocaba deste modo, con ofrendas, para gañar o seu favor. As Ninfas, deidades menores tamén romanas moi relacionadas coas augas, foron a representación simbólica das Burgas antes das últimas escavacións. Incluso o nome da dedicante da ara atopada na Casa da Tenencia en 1802, foi o símbolo da primeira habitante de Ourense coñecida con nome propio. Hoxe sabemos que existen outras posibilidades, como a súa orixe quizais elacionada co pobo dos Aebisoci, probablemente localizado nas terras do Támega. Pero iso non foi impedimento para que viñese a esta civitas áurea a dedicar un ara ás Ninfas das Burgas. Aínda que descoñecemos o ritual practicado nesta contorna para gañar a curación que lle proporcionaron as deusas, a coñecidísima inscrición -“Calpurnia Abana Aeboso cumpriu gustosa o seu voto ás Ninfas, baixo a inspiración dun soño”- semella indicar un ritual de oniromancia, de curación a través do soño ou “incubatio”. 

Como moitos de vostedes xa saben, despois das últimos achados nas escavacións das Burgas, é fácil relacionar o deus Reve/Revve Anabaraego con estas nosas fontes termais.Antes da aceptación do cristianismo, varios deuses pagáns foron reverenciados en Ourense. Xúpiter, o deus supremo. Tamén Tellus, as Ninfas e os Manes. Pero se existiu un deus específico das Burgas, e por extensión desta cidade dende os seus inicios, alá polo século I d. C., seguramente moitos séculos antes xunto ás fontes termais, ese foi sen dúbida Revve Anabaraego. 

Te puede interesar