Opinión

Debemos salvar ao Ateneo?

Hai xa case medio século, os intereses de tres grupos de ourensanos, aparentemente sen ningunha relación, confluíron nunha sorprendente e inesperada solución. A Caixa de Aforros Provincial de Ourense rematara un edificio de vinte plantas e agora precisaba unha licenza de ocupación, de imposible obtención se se aplicaba a norma urbanística vixente na época. O delegado do Ministerio de Información e Turismo víase apremado para dar forma ás novidosas políticas de control cultural que dende Madrid se impoñían, fomentando teleclubs nos pobos e creando ateneos nas capitais de provincia.?A activa clase intelectual da cidade, animada polos movementos revolucionarios que nos anos sesenta salpican a xeografía planetaria, considera cada vez con máis interese a posibilidade de organizarse para crear novos escenarios para a libre manifestación artística, intelectual e política baixo o marco dun ideario claramente democrático. Foi a casualidade a que propiciou -tras conversacións en cafetarías, algún que outras reunión, e certa confabulación con tinguiduras de contubernio- unha solución inmellorable para todas as partes: íase crear o Ateneo de Ourense (1968).?A Caixa de Aforros encontra a razón perfecta para a modificación da clasificación do edificio, pasando a ser recoñecido como 'Edificio Singular' debido á súa recén adquirida natureza de utilidade pública. A cambio obtén a licenza de ocupación e arrenda, a un prezo simbólico, algunhas plantas do edificio ao Ministerio de Información e Turismo. A Delegación cumpre os seus obxectivos; crea un Ateneo cunhas amplas instalacións no edificio máis moderno e significativo da cidade e, ademais, a un prezo vantaxoso. A satisfacción é tal que o propio ministro acode á inauguración da nova sociedade. E por último, son os ateneistas que ven cumpridas as súas aspiracións. Por fin obteñen un local axeitado e poden levar a cabo o seu labor cultural coa tranquilidade que supón o aparente beneplácito dun réxime que xa mostra significativos síntomas de esgotamento.


A simple revisión da lista dos primeiros socios do Ateneo, dános unha xusta medida das conviccións democráticas do colectivo que motivaron e inspiraron o seu servizo á cidadanía dende presuposto e posicións fundamentalmente intelectuais e culturais. Todo iso evidenciouse de xeito claro no ano 1974, cando o Ateneo serviu de catalizador ao movemento cívico que logrou unir toda unha cidade para impedir que se construíse unha planta productora de celulosa como a da Ría de Pontevedra nas inmediacións de Reza.


A posterior transición política non fixo máis que validar o proxecto do Ateneo. Nas súas salas, entre grandes e pequenas exposicións, os ourensáns descubrimos líderes políticos de todas as cores e tendencias e aprendemos o valor esencialmente democrático do respecto. As actividades do Ateneo perseguiron a difusión da cultura para a formación do pensamento crítico como medio para a consecución da liberdade do individuo.? Os anos pasaron e os gobernos sucedéronse. Do Ministerio de Información e Turismo, o Ateneo pasou a estar baixo os auspicios do Ministerio de Cultura para finalmente ser transferido á Xunta de Galicia (D.O.G. nº72. 11/4/84). É a fórmula da coparticipación -na que a administración prové do local e a asociación, democraticamente elixida, xestiona a actividade cultural- a que fai do Ateneo unha institución tan singular. Deste modo os fondos públicos permiten que as cotas se manteñan nun nivel baixo, evitando calquera posibilidade de 'elitismo económico'. Por outro lado a administración participa permanentemente na xestión, estando o cargo de vicepresidente segundo reservado estatutariamente a un representante da administración.


Hoxe o Ateneo ten novas metas. As sociedades culturais tal e como foron deseñadas no século pasado deben adaptarse para enfrontar novos retos. A sociedade da información prové, coa facilidade dun click, todos os contidos imaxinables, pero hai unha necesidade que non satisfai toda a tecnoloxía, e é ese instinto social tan humano que nos empurra a agruparnos. Con esa filosofía o Ateneo organiza todos os anos centos de actividades e presta as súas instalacións para actos promovidos por outros colectivos.?Recentemente a nosa sociedade asinou convenios cos concellos limítrofes para que teñan á súa disposición unha tribuna no centro da cidade e mantivo contactos para acoller a actividade doutras asociacións, sen sede, nas súas instalacións. Todo ourensano ten no Ateneo un lugar para a presentación das súas ideas, obras e proxectos con dúas únicas limitacións: o respecto e o calendario.


O futuro do Ateneo decídese estes días. As institucións provinciais e locais, tan indiferentes en tempos pasados, están a facer gala dun apoio decidido e encomiable e o propietario do local mostrou a súa vontade negociadora. Quédanos a esperanza de que cheguemos a un acordo rápido, con condicións asumibles por todas as partes implicadas, e que impidan o desaloxo das instalacións previsto para o día 30 de xullo.?Ferro Couselo, Blanco Amor, Prego de Oliver, Temes Ramos, Failde Gago, Alvarado... son coñecidos por todos os ourensáns. Os seus nomes dan denominación a rúas e prazas e as súas estatuas serven de tribuna para actos de reivindicación. Todos eles foron fundadores do Ateneo de Ourense. Gustaríame acabar agradecéndolle a súa atención e pedíndo un minuto máis de reflexión acerca de cal é o noso deber con aquelas persoas que con tanta reverencia citamos, se deixalos no rueiro ou continuar con entusiasmo e dedicación aquelas obras inacabadas que eles iniciaron e polas que se fixeron merecedores da nosa gratitude.?

Te puede interesar