Opinión

Defender o público

Nesta sociedade onde todo o que sae nos medios é considerado importante, e o que non sae non o é, acontece que problemas que pasarían sen pena nin gloria, polo mero feito de estar implicados neles cargos públicos, reciben un tratamento desmesurado e, en moitos casos, cargado de certa oportunidade política, empregados como armas arroxadizas, condenas sen xuizo na procura dun beneficio electoral para determinadas formacións partidarias. A crítica en liberdade, o dereito a discrepar é un logro importante da nosa sociedade que non se pode perder; pero esa crítica, cando se percibe como farisea e se ceba en quen defende o público, ou en quen busca solucionar graves problemas que crearon outras corporacións e que afectan gravemente a economía da institución municipal, parece moi inoportuna pois nada aporta, dado que cébase en quen, de boa fe, tratou de solucionar un problema que atinxe á sociedade e que á larga pagaremos todos.

Cantidade de veces os cargos públicos, por aquelo de teren responsabilidades de goberno, son o punto de mira de todo o que acontece ó seu redor. Evidentemente están na picota para seren criticados polo que fan, polo que non fixeron ou polo que fixeron mal. Pero resulta que pasado o tempo, a memoria colectiva esquece, non lembra, e como os problemas hai que resolvelos, os que defenden o público e non buscan o lucro persoal, no seu afán de amañar o que outros fixeron mal, resultan castigados e agora son levados ante a xustiza. E os denunciantes, algúns oportunistas que tiran a pedra e esconden a man e outros profesionais da denuncia, actúan valéndose de mil artimañas legais para acadar o obxectivo de desprestixiar ó adversario político. E logo hai que escoitar aquelo de que todos son iguais. Pois non, e vaia se hai diferenzas. 

A prioridade de calquera gobernante, en primeiro lugar, é defender o público; defender aquelo que é de todos e que o temos para beneficio colectivo. Pero, acostumados a que gobernos municipais anteriores fixeran desleixo desa obriga, cando alguén fai o que debe, é atacado con vehemencia e denunciado baixo cantidade de terxiversacións que serán resoltas pola xustiza moi lentamente. Mentres tanto, o denunciado sofre unha condena pública polo mero feito de estar imputado. 

Defender o público nunha sociedade onde o colectivo está pouco valorado, é case unha labor de tolos. Defender aquelas cousas que son do común parece unha tarefa case imposible, pois como di o refrán: o que defende o común non defende a ningún. E os cidadáns logo esquecen, pois teñen, temos, fráxil memoria.

Nestes días temos na cidade un exemplo importante a este respecto. A persoa que defendeu o común a través dun traballo honesto pasará, como outros moitos, polo banco dos acusados; mentres os que cambiaron os planos do Plan de Urbanismo tirado abaixo pola xustiza; os que quitaron a casa de Baños do PERI do Casco Vello para especular e secar as Burgas, símbolo da cidade, eses camiñan coa cabeza alta pola cidade, e os seus seguidores de grupo piden a dimisión de quen defendeu o interese colectivo fronte ós especuladores con moita valentía.

Dentro dun ano, ou máis, a xustiza falará, pero por moito que fale, o mal a nivel de rúa xa está feito e, en Ourense, perdemos a unha gran defensora do que é de todos. Do que nos pertence como ourensás. Perdemos na política a unha persoa honesta. Ademais, no caso de que a sentencia sexa favorable á denunciada, a nova pasará desapercibida pois xa non será noticia. E como non ten preponderancia nos medios, non importará, pois soamente importa o inmediato. E cumprirase o que dixen ó principio. É así de triste, pero verdade.

Te puede interesar