Opinión

Que se entende por tradición

Con suma frecuencia escoitamos referencias á tradición e o que se entende por tal verba. Desta maneira, afirmamos que facemos aquela actividade pois é unha costume que ven de vello e, polo tanto, é unha tradición. Este termo, que permite moitas interpretacións, leva a conflitos e mesmo enfrontamentos, pois existen sectores sociais que entenden que baixo o paraugas da tradición mantéñense costumes que a día de hoxe son discriminatorias contra as persoas, ou que amparan o maltrato dos animais, e que deben ser cando menos revisadas ou prohibidas.

Citarei dous casos que nestes días foron noticia. En Tordesillas, o coñecido “Toro de la Vega” rematou con enfrontamentos entre partidarios e detractores. O primeiros argumentan que a morte dese animal a lanzadas é unha tradición que ven de moi antigo e que hai que manter. Os segundos falan de crueldade e maltrato animal e din que estas tradicións hai que modificalas pois son á vista do mundo unha crueldade. Máis preto de nos, en Cea, unha comisión de festas rexeita que un grupo de música tradicional de gaitas con mulleres gaiteiras poida participar nas festas da Saleta, pois os grupos teñen que ser soamente de homes. Velaí dous exemplos do que se entende por tradición; dou exemplos empregados dende unha visión estrita e un tanto fora do tempo, pois parece que se nega a admitir que a tradición tamén está sometida á evolución, como as sociedades.

Buscando definicións do que é tradición escollín estas dúas:

A) Tradición é aquelo que se fai con certa regularidade e prende no sentir colectivo dunha comunidade social para manterse no tempo, chegando a estar integrado no que se entende como usos e costumes.

B)Valores, crenzas, expresións e costumes dunha comunidade social que se manteñen no tempo.

Estas definicións son un tanto abertas, pois están sometidas á interpretación que delas se fagan. Pero, partindo da base de que as comunidades sociais están formadas por persoas e as persoas están influenciadas polas correntes de pensamento, movementos sociais e avances científicos, e polo tanto evolucionan, acontece que a interpretación restritiva de sectores sociais choca co que xeralmente os defensores da súa inmutabilidade entenden por tradición. Para eles, este temo parece un fito anclado no tempo e alleo a evolución das ideas e dos costumes. Neste senso citarei a Vicente Aleixandre, que falaba así do termo tradición: “A visión conservadora da tradición ve nela algo que preservar de maneira fiel e acrítica. Pero dende unha perspectiva aberta e de cambio e continuidade, a tradición depende da capacidade de renovarse, podendo modificar as súas formas para adaptarse ás novas circunstancias sen perder por elo o seu sentido.”

Queda claro que a tradición non é un dogma de fe, non é unha lei inmutable, e aínda que ten moitas interpretacións, hai tradicións que ou se adaptan ós tempos, ou iran perdendo adeptos e morreran. A día de hoxe a súa existencia choca con lexislacións que xa imperan noutros países, e non poden ser ignoradas nesta España que aínda mantén costumes bárbaros que non teñen cabida nunha sociedade moderna.

O chamado “Toro de la Vega” e tamén os touros, así como outras manifestacións semellantes terán que ser modificadas ou desaparecerán, pois crean unha forte división social. No tocante ó tema dos gaiteiros, creo que quen propón que so sexan gaiteiros, e non gaiteiras, vive un tanto descolocado. O importante non é quen toca a gaita, o importante é que a toque ben. Polo que conclúo: a tradición tamén ten que evolucionar, se non quere morrer. O que hoxe nace, se perdura no tempo, tamén pode ser tradición o día de mañá.

Te puede interesar