Opinión

Pagar dúas mensualidades?

Cuando era presidente do Goberno, o señor Aznar vendeunos, igual que agora, a liberdade de mercado como a panacea para abaratar os prezos da enerxía, dos petróleos e comunicacións. Había que rematar cos monopolios herdados do réxime, pois estes eran negativos e facían que os cidadáns pagásemos prezos moi caros polos produtos que nos vendían. Desa maneira, o Estado desfíxose, ou se se quere malvendeu, empresas públicas e quitou o mercado da libre competencia os monopolios, neste caso, dos carburantes, electricidade e comunicacións. Ate aquela época nada se sabía, por poñer un exemplo, do “deficit tarifario eléctrico” nin se falaba de pobreza enerxética.

Todo ía ser mellor para os consumidores, pois o Estado tiña, e ten en teoría, o control e sancionaría con axilidade e rigor ás empresas que se pasaran facendo trampas ou amaños nos prezos.

Pasados os anos, xa van máis de dez, as consecuencias daquela decisión recomendada pola UE, veu demostrar que de abaratamento nada de nada e que os custos subiron para os cidadáns dunha maneira escandalosa. Ademais, o Estado, nestes asuntos de control, case non existe. As grandes empresas que funcionaban como monopolios dividíronse en partes, en teoría independentes, e chegou a época dos oligopolios que a fin e o cabo controlan os mercados, pactan prezos e no caso da enerxía, sobre todo a eléctrica, disparáronse dunha maneira que xa se fala de fogares con pobreza enerxética, dado que non dan pagado o que lle supón o recibo mensual da luz.

Agora, facendo populismo, a Xunta presidida por Feijoo anuncia que pagaralle dúas mensualidades a aquelas persoas que se atopen con problemas para que non lle corten a luz. Parches, populismo electoral e renuncia a controlar prezos e esixir responsabilidades e o que se agocha tras esta medida.

O mantra que repiten todos os ministros, que di “a liberdade de mercado e a competitividade nestes eidos trae redución de custes”, empeza a demostrarse que é unha fantasía, ou si falamos musicalmente, unha milonga repetitiva pero tristeira e mentireira.

Por iso, a día de hoxe, son moitos os cidadáns que pensan, comparan, sopesan e poñen en cuestión que o cambio dos monopolios ós oligopolios foi unha fantasía, unha gran mentira que cada día munxe máis a feble economía dos usuarios. Os gobernantes do Estado e da Xunta non apostan decididamente pola protección dos consumidores. O seu estilo non foi soamente deixar facer ás grandes corporacións senon que se aliou con elas. Así se entende que lle queiran poñer un imposto por producir luz con placas solares para o autoconsumo. Alguén o pode comprender? Acaso o sol ten dono? Ademais, se os encoros eran públicos e seguen a producir a luz, a que ven tanta carestía no recibo mensual?

Comprendo que, por aquelo de cobrar favores ó marchar do poder, para ter un posto nun consello de administración desas compañías, os ministros teñen que actuar como gobernantes compracentes co que indiquen estas grandes empresas. Desa maneira, cobrarás por non facer ren, e pasarás a ser asesor nunha desas grandes compañías.

En fin, coa liberalización dos monopolios fomos a peor, e agora Feijoo ven coa cantinela de pagar dous meses ós que non poden pagar a luz. Loite por atallar o problema dende a base, señor presidente, e saiba que en Galicia producimos moita enerxía e pagámola igual téndoa preto da casa, que téndoa a mil quilómetros de distancia. Faga algo serio, defenda ós consumidores e déixese de tanto electoralismo.

Te puede interesar