Opinión

As receitas do FMI

Hai quen pensa que a historia repítese cada certo tempo, pois vivimos en certa medida sometidos ós ciclos e tras un de crecemento e melloras sociais, hai que volver a poñer en práctica as políticas do inicio do capitalismo que estiveron marcadas pola ausencia de lexislación e de dereitos dos traballadores. Os tempos mudan e cada xeración de homes e mulleres teñen, temos, problemas e necesidades distintos, polo que tentar volver a época na que a dignidade dos traballadores non existía parece a estas alturas un intento que fracasará.

O Fondo Monetario Internacional, esa institución que non foi elixida polos cidadáns e que non viu chegar a crise económica, non para de mandar receitas para, segundo eles, mellorar a economía dos países como España. E, no seu afán de potenciar a economía de mercado sen ningún tipo de control, pontifican: en España para solucionar os problemas derivados da crise e crear emprego hai que flexibilizar máis o mercado laboral; esixir copagos na educación e na sanidade; crear fondos de pensións particulares e outras lindezas. Logo, representantes da patronal, seguindo a mesma dialéctica, falan de pagar en especie ou reducindo o salario mínimo, pois, segundo din, os traballadores están aprendendo e iso ten un custe que hai que descontar do pequeno salario. Pero, o asunto non queda parado niso, senon que partidos políticos de nova creación din que os traballadores que non renden o suficiente e son despedidos, teñen que devolver os salarios que cobraron. 

Estas receitas son as mesmas que lanza a señora Merkel e os seus aliados. No século XXI, alguén pensa que a sociedade de consumo se pode manter se non se consume? Alguén pensa que unha sociedade na que medra a desigualdade social, na que a deslocalización de empresas cara o mundo asiático é un feito, na que os servizos públicos, de públicos só manteñen o nome, pode levantar cabeza e saír do marasmo actual? Alguén pensa que impoñendo políticas de principios do século XIX sen contar cos cidadáns se pode saír da crise?

Os cidadáns son conscientes de que a sociedade actual é complexa: que nela vívese máis tempo; que ten moitos custos o mantemento dos servizos públicos básicos como a sanidade, a educación, etc. E seguindo os consellos do prebostes que gobernan o FMI, eses que cobran suculentos e escandalosos salarios para aconsellar recortes por todas partes, alguén pensa que imos superar este atranco. 

Estase creando unha fractura social na nosa sociedade que, á larga, traerá consecuencias serías que poden ser perigosas para a estabilidade política.

Por iso, errados van os que pensan que no momento actual se poden aplicar receitas do século XIX. A desigualdade nos dereitos laborais no mundo propicia moitos movementos de empresas e capitais. Pero con todo, tanto empresarios como traballadores deben saber que a mellor saída desta recesión é compartindo cargas e non cargando todo o peso da crise na parte social.

A cúpula empresarial e os dirixentes do FMI pensan que aínda funcionamos rexidos por ciclos, e gustaríalles volver ás épocas do capitalismo salvaxe e non regulado. E os tempos nin as xentes son os mesmos que hai cen anos.

Te puede interesar