Opinión

Casar

Na nosa literatura popular hai abondas mostras críticas sobre a institución do matrimonio. Velaí algunhas recollidas por Xavier Castro, na ‘Historia da vida cotiá en Galicia’: ‘Casar, bo é de amañar, pero é malo de aturar’; ‘Casarse é cegarse, ou afogarse’; ‘Casaraste e arrepentiraste’; ‘O que se casa por todo pasa’; ‘Casar, casar, sona ben e sabe mal’. Neste semella que se presenta o matrimonio como castigo, quizais pensando na muller: ‘Casarás e acougarás, ou amansarás, ou deprenderás’. Tampouco é un fenómeno só galego: ‘Ya te casaste, ya te amolaste’ é un dito da cultura en castelán. Noutros fai se gabanza da solteiría: ‘Cásate e irás ben os tres meses primeiros, mais despois cobizarás a vida dos solteiros’; ‘Casarás en mala hora, e comerás pan e cebola’. En fin, combato a calor con libros coma este, que transmiten estas xoias do saber popular. Vaia dedicado a tantas parellas que casan na canícula.



Te puede interesar