Opinión

Lingua poética

A lingua non só sae da boca senón do corazón, é o brillo, o magnetismo que nos chega dos antepasados. A lingua é -para os que a amamos- a nosa esencia, a cor do noso aire ó respirar: A nosa inspiración. Un pobo que ten lingua propia é dono dun gran tesouro, debemos telo moi claro. Ademáis, a nosa, naceu coa forza e o fervor da lírica, da espiritualidade, da divinidade que expandiron pola atmósfera de todo o universo, aquelas coplas de Santa María do Rei chamado o sabio. Nacer así non só é un tesouro senon un privilexio. Medrou de boca en boca facéndose canción, cantiga pícara e melosa, seductora e amable, reflexo fiel dos homes e mulleres desta terra. Inspirou bailes, catedrais, camiños sagrados, campos de estrelas (Compostela), montes de gozo, proféticas melodías de amor e rosas. Transmite a modo de canto, de lenda de mito e de oración, foi poema de cego acompañando o violín, foi queixume dos pinos, chorou e riiu coa gaita no fiadeiro, e foi rubor de mociña baixo a luz do acordeón ¡imaginando caricias no corpo que amaba. É verbo no púlpito, sabedoría na escola, aloumiño fermoso co que lle digo ó meu neno: ‘Quéroche, meu sol’. É o xiro, a maxia e a alegría no xardín da infancia. E cando a falamos, as estrelas vibran ó compás dos nosos pasos -armoniosas- e acéndese unha nube no ceo para lanzar chuvia sanadora sobre nós, porque sabe que a sentimos propia e amiga, porque ó son da lingua nai, prenderon lume en nós, os contos na voz dos avós, dos velliños que tomaban viño no bar, das mulleres que abrían con cantares as festas mentres apretaban contra o seu peito ós seus filliños pequenos e lle estampaban cun bico aquel ardor ancestral.


Se a ‘lingua é o pensamento’ como afirman os expertos, boa sorte temos de ter nacido aquí, amigo lector, onde o mundo se chama Galicia, onde aínda ninguén puido poñerlle fin o conceptismo que esconde a palabra ‘morriña’, ‘saudade’, ‘xeitoso’, ‘agarimo’. Palabras que son o que somos, porque queremos o noso, abendo que fomos premiados polos deuses con este código especialmente indicado para a nosa alma de poetas.



Te puede interesar