Opinión

Pregarias

Todo o meu respecto para as persoas que en situación comprometida acoden aos santos en busca de amparo. Quén, con algo de fe, non ten recorrido algunha vez ao santo da súa devoción para pedir que se fagan realidade as súas ilusións máis fondas, ou para que se obre o milagre de cambiar o rumbo dun mal destino contra o que a ciencia humana nada pode. Agora ben, qué dicir daqueles que terxiversando o sentido da súplica piadosa involucran ós santos nos asuntos máis triviais, cando non inxustos ou mesmo perversos.


Banalización da fe, que ata en leas de fútbol (do fútbol dos fraudes e dos millóns) se leva metido aos pobres dos santos! Póndoos en situación comprometida cando, en vésperas dun enfrontamento entre dous equipos que se odian, os dous acoden ao mesmo santo para que os axude a derrotar aos do equipo contrario. Como os dous non poden resultar gañadores, os perdedores, maldicindo, sentiranse defraudados cun santo (o seu santo) que lles fallou. Nin sequera co empate se conformarán. E despropósito acabará en infamia se, previo ao partido, elevan pregarias ao ceo para que os xogadores máis valiosos do outro equipo sufran algún contratempo que lles impida xogar. E igual que acontece no fútbol (ese universo de paixóns, amores, odios, triunfos, fracasos, idolatrías, fraudes, violencia) está a acontecer no universo da vida ordinaria ao ser, ámbolos dous, mundos xemelgos. Individuos e grupos que imploran do mesmo santo solucións contrapostas. Ou preitos nos que os litigantes buscan o apoio dun santo para, con razón ou sen ela, inclinar a balanza da xustiza ao seu favor. E a súplica dará en acción perversa cando, movidos polo odio, se busca a intervención dun santo na procura da desgraza allea.


¿E, que dicir cando a vileza chega ao seu grao máis extremo? Ninguén podía explicarse no pobo como o individuo que máis tiña esbardallado contra os curas e contra a relixión, e que incluso presumía de non ter posto nunca o pé na igrexa, ninguén se explicaba digo que a partir da morte da súa muller, ese mesmo individuo organizase ano tras ano, cun boato que abraiaba, aquelas festas en honra de Santa Rita. E todo se aclarou cando unha noite na taberna, cargado de licor, lle confesou a un colega a razón daquel seu cambio. Ocorrera que, con ocasión dunha gripe que mantiña na cama a súa muller, da que a diario aborrecía, lle prometeu a Santa Rita, avogada dos imposibles, que no caso de levala pronto deste mundo, a honraría cunha festa anual. Pois, aos poucos días a pobre morreu. O que el, na súa aberración, interpretou como un favor da Santa.


Cando se soubo a verdade, todo o pobo, co seu cura ao fronte, montou en cólera. E xa non houbo máis festas.



Te puede interesar