Opinión

Entroido para o recordo

A verdade é que o pasado mes de xaneiro non foi nada bó para manter un pouco estabilizada a poboación de Allariz, a diferencia entre nacementos e decesos foi desas que arruinan calquera pirámide poboacional; e sabendo que toda morte é sempre dolorosa para familiares e amigos dos finados, hai persoas que se van e que por diversas razóns deixan un oco moi difícil de tapar. 

Como falaba eu hai uns días co pediatra Manuel Sampedro, amigo da alma desde a nosa infancia, vánsenos persoas que foron referentes na nosa Vila durante moitos deses anos nos que fomos inmensamente felices con moi poucas cousas, fora facendo teatro, xogando ás canicas, cantando na igrexa, bailando ao son do “comediscos” ou disfrazándonos na casa da Celita.

E a Celita foise hai uns dias a compartir eternidade ás beiras do Arnoia con moitos veciños e amigos que a precederon, e como estamos en tempos de Entroido, e sempre dixemos que as persoas non desaparecen mentres as recordemos, eu quero recordala hoxe aquí, como recordo a moitas outras que formaron parte da nosa vida alaricana; e quero recordala coa súa filla María Jose, Carol querida, e co seu xenro Raúl, en todas aquelas tardes e noites que lle tomabamos a casa por asalto no alto da Rúa do Portelo, para poñernos as caretas e vestirnos de “charruas” antes de ir bailar á Discoteca El Mesón ou  a aqueles marabillosos bailes do Casino, onde ducias de alaricanos de toda clase e condición xogabamos ao despiste durante toda a noite, bailando mesmo coa túa propia nai sen sabelo, ao ritmo da orquestra de turno ou de grupos tan modernos daquelas como “Los Microns” ou “Queimada” de Pontevedra, que esta semana lembrei na “Sesión Vermú” da Radio Galega. 

E Celita tiña toda a paciencia do mundo connosco durante todos aqueles días de Entroido, uns días que sempre comezabamos varias semanas antes para ir quentando motores, coas tamén miñas queridas amigas Fina “Chanqueira” ou Maribel do “Ardeiro”; daquelas todos tiñamos nomes, apelidos e alcumes, foramos “o ferreiriño”, “o pinelas”, “o cabaleiro”,  “o folio”, “o terrís”, “o artilleiro”, “o fona”, “o lapadas”, “ o farruquiño”, “o visi”, “o pilís”,“o chisca chisca”, “o poleiro”, “o macanxo” ou “o patachau”; os alcumes non sabían nin de clases sociais nin doutra condición, viñan sendo un pouco como o Entroido, que en canto te pós ou te quitas a careta transfórmaste no que che peta.

Eu nunca poderei esquecer aqueles entroidos de entón onde case non había de nada para despistar ao veciño ou ao amigo; un par de caretas no “cacharreiro” e pouca cousa máis que mercar; por non haber tampoco había na maioría dos casos moitos cartos para invertir en “atrezzo”, había que darlle á imaxinación e sacar do fondo dos armarios todo aquelo que agardaba anos para ter unha segunda oportunidade; o mesmo valía unha saia da avoa para ir de “Felisinda” ca unhas cortinas para facer unha capa máis ou menos de romano; por valer, ao meu amigo “Perré”, ata lle valía o traxe de voda dalgunha prima; o caso era poñer todo patas arriba e sair á rúa ao berro de “Mascarita me conoces”. 

Eran, e teñen que seguir sendo, tempos de troula e ledicia, e os que xa se foron botarán un sorriso sempre que en Allariz quede alguén que aínda siga mantendo o espírito de “Charrúa”.

Te puede interesar