CELANOVA

Carlos Méndez: “Nun momento triste do rural, o libro sirve para fortalecer as raíces"

O municipio de Gomesende é o protagonista do terceiro libro sobre a toponimia de Terra de Celanova que publica Carlos Méndez Míguez

Carlos Méndez Míguez é natural de Escudeiros (Ramirás).
Carlos Méndez Míguez é natural de Escudeiros (Ramirás).
Carlos Méndez: “Nun momento triste do rural, o libro sirve para fortalecer as raíces"

Carlos Méndez Míguez, un mestre xubilado nado en Escudeiros (Ramirás) presenta o libro "Toponimia de Gomesende" será o sábado día 7 ás 19,00 horas no Centro Cultural de Poulo.

Que ten a toponimia que lle atrae tanto?

Eu creo que neste momento tan triste no interior, polo despoboamento e o abandono do rural, este traballo sirve para fortalecer esas raíces, que a xente queira máis ao seu país. Persoalmente, a min este traballo éncheme. Ás veces boto de menos ter unha maior preparación, pero aquí sigo. Gomesende é o terceiro libro sobre toponimia, pero xa teño moi avanzado un cuarto adicado a Pontedeva. A miña idea é completar os dez concellos de Terra de Celanova. Os lugares existen sempre que poidan ser nomeados.

Que destacaría dos nomes de Gomesende?

A toponimia de Gomesende está dentro da normalidade. Podiamos dicir que, na toponimia maior, os fitotopónimos e os orotopónimos representan a maioría. Aínda que tamén hai topónimos relacionados coa actividade económica e tamén coa situación.

Podería desvelarnos algúns dos máis curiosos?

Máis que curiosos, poderiamos dicir que existen topónimos que chaman a atención no sentido que están relacionados coa explotación que facían deles dende o convento de San Rosendo ao que pertencían (A Granxa), aínda que tamén atopei foros que relacionaban Gomesende coa zona de Melón (Frades) e mesmo co convento de Fiães, en Portugal (Paredes).

Que descubriu estudando a toponimia?

O estudo da toponimia é tamén o estudo da historia e das lendas locais. A historia é consustancial coa toponimia. No meu caso, o primeiro que fago é unha organización empezando polo Paleolítico. En Gomesende non atopei nada, pero sí no Neolítico, coas mámoas de Poulo, Fustáns e no Seixo do Val, iso nos di que xa había poboados. Da Idade de Ferro atopámonos con que é unha zona rica en castros (Outeiro da Moura, Seoane, Outeiro de Vilacova, Os Pigarzas e Chaos de Poulo) e seguindo coa toponimia celta vemos unha vilae romana (Os Chaos). Do mundo germánico, que ten unha influencia importante no municipio, é orixinario o topónimo Gomesende, tamén Casaldrigo, Fontebranca, Mariz,... E nos séculos XI e XII xa están consolidadas as parroquias principais e se vai cubrindo o territorio. Sobre as lendas, podo adiantar que hai unha moi bonita sobre Matamá, e que inspirou a portada do libro feita pola licenciada en Belas Artes Adriana Pérez Seara, e outra no Dorno, aínda que esa é máis corrente.

Como é ese traballo de investigación?

O traballo é bastante complexo. Detrás deste libro hai moito traballo de campo. Primeiro visito os lugares onde teño informantes, porque en Gomesende son varias as aldeas esquecidas onde xa non queda ninguén. E despois o completo co traballo de investigación nos arquivos. Visito moito o Arquivo Diocesano e o Arquivo Histórico, pero tamén estiven no Xeral de Simancas. Tamén traballo bastante cos documentos notariais, que enriquecen bastante.

Cal foi a resposta dos veciños?

Aínda é pronto para sabela, posto que a presentación será o vindeiro sábado, pero no pouco que leva camiñado, a crítica está sendo positiva.