RESULTADOS 24-M

Beiras destaca que as mareas causaron "a grande derrota" de Feijóo

635684164634512627w
photo_camera Beiras en una rueda de prensa.

O covoceiro de Anova apuntou que a "derrota absoluta" da "plutocracia" que utiliza a Mariano Rajoy como "ventrílocuo" marcou un "fin de ciclo político"

O covoceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, concluíu este xoves, a xeito de análise do resultado das eleccións municipais en Galicia, que "a grande derrota do PP foi causada polas mareas" e apelou á cidadanía activa que se implicou nos diferentes procesos de unidade para que "isto continúe" en futuras citas coas urnas. En concreto, opinou que este sistema está "en condicións de afrontar con perspectivas de éxito" os comicios xerais que se celebrarán antes de que finalice este ano.

En rolda de prensa, o tamén voceiro de AGE no Parlamento incidiu en que o 24 de maio simbolizou "a grande derrota de Núñez", en alusión ao presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, tras xulgar que talvez "non lle iría tan mal" se "pasease menos en defensa de alcaldes indefendibles".

Sexa como sexa, ao seu xuízo, a "derrota absoluta" da "plutocracia" que utiliza a Mariano Rajoy como "ventrílocuo" marcou un "fin de ciclo político" en todo o Estado, con números como os obtidos por Ada Colau en Barcelona e Manuela Carmena en Madrid. Non obstante, observou que este cambio foi, "cualitativamente, máis forte" en Galicia e serviu para desbotar o "clixé" de que é esta unha comunidade "conservadora e de dereitas".

Así, tras resaltar que Anova participou nun total de 49 listas de unidade --e presentou outras oito candidaturas en solitario-- das que "só cinco" non obtiveron representación nos seus concellos, o veterano político fixo fincapé na importancia de lograr frontes amplas e de contar coa "cidadanía activa".

Neste sentido, dixo que espera que as cúpulas dos partidos con vocación rupturista entendan que o "protagonismo" debe recaer nesa cidadanía e non nas propias formacións. Esa reflexión non impide que se inicien contactos políticos e, tras asegurar que aínda non se produciron, si avanzou que nos próximos días manterá conversacións con Esquerda Unida, os seus socios na Cámara galega. "Pero o motor debe ser a cidadanía", remarcou.

PODEMOS, FORZA "DECISIVA"

Ao fío diso, preguntado sobre as declaracións do secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo, en relación á intención da súa organización de concorrer en solitario ás eleccións galegas, Beiras declinou "pensar por outros partidos", pero si sinalou que esta é "unha forza decisiva".

Ademais, aconsellou á cúpula desta formación ter en conta o resultado que obtivo nos lugares onde se presentou en solitario e naqueles nos que concorreu nunha candidatura de integración.

Dito isto, rexeitou "facer conxecturas" sobre que fará Podemos de cara a próximos comicios. "Eu só expreso a miña vontade para a nova etapa", apostilou, convencido de que os partidos deben ser "xenerosos" e ceder o "protagonismo" á cidadanía que "se activou politicamente".

"UNHA OPORTUNIDADE"

Na mesma liña, a preguntas dos informadores, resaltou que se dá "unha oportunidade" para poñer fin ao actual réxime político, pero non obviou que dependerá en boa medida do labor que leven a cabo os distintos cargos elixidos o 24 de maio.

"Eu confío en que o faremos ben", manifestou o veterano nacionalista, non sen advertir que onde se logrou a unidade "sen problemas internos ou escisións", esta vía "foi premiada" polos votantes, pero que a situación contraria "non só resta, senón que divide".

RESULTADO DAS CIDADES

Entrando no detalle dos resultados nas cidades galegas, Beiras celebrou que as mareas superaran o PP en votos en Santiago e A Coruña e que se constituíran en segunda forza en Ferrol, logrando "arrebatar" a maioría absoluta aos populares de José Manuel Rey Varela.

E tras "felicitar" ao socialista Abel Caballero por lograr unha ampla maioría absoluta en Vigo, valorou que as mareas puideran entrar neste concello, o lucense e o pontevedrés. No caso da lista de Anova en Ourense, que quedou fóra, non pasou por alto as "peculiaridades" desta cidade.

"MOI ALIVIADO E FELIZ" POR NORIEGA

Preguntado directamente polo resultado da capital galega, onde o outro voceiro de Anova, Martiño Noriega, liderou a lista máis votada, declarou sentirse "moi aliviado e moi feliz" tras a "aposta de enorme risco" asumida polo seu compañeiro.

"Eu paseino moi mal, porque me estaba a someter a unha autocontención constante na campaña e me entraba a cousa de se non estaba a achegar todo o que podía achegar", confesou, e puxo en valor a "coraxe" e a "serenidade" demostradas por Noriega ante as críticas que recibiu.

Te puede interesar