Achegándonos á galaxia Carlos Casares
arte et alia
A Fundación Casares, coa axuda de institucións autonómicas e ourensáns, ben de inaugurar a exposición Os Mundos de Carlos Casares na Sala José Ángel Valente’, o principal espazo expositivo municipal
Trátase da mostra institucional co gallo do Ano que lle dedica a Real Academia Galega. Cando remate sairá da cidade onde naceu o escritor da Limia cara outras cidades galegas, para rematar en Xinzo, terra da familia, onde quedará no futuro. A rechamante montaxe de Xoán Creus e Covadonga Carrasco, que tamén levan o deseño gráfico, ten peso de seu, un enxeño crebado con cubos abertos e unha estrutura de valado en C, con taboleiros asimétricos esparexidos nela con caligrafías e textos..., que arrodeamos para achegarmos e entrar no círculo aberto de CarlosCasares (CC).
A Carpintería Forma armou os case 900 barrotes de madeira branca, con un ar a eses palafitos que puideron existir na lagoa de Antela. Sobre eles vinte cinco maletas cheas de plumas, medallas, esculturas, cámaras fotográficas -Leica M3 e Minox algunhas delas-, trens en miniatura, discos de vinilo, o magnetófono, os cinco Premios da Crítica de Galicia,1980, 1999, 2002 (Galego egrexio) e os dous de 2003, in memoriam, esculturas de Manolo de Buciños, con nenos levantando libros, manuscritos varios, fotos e folletos... Hai os artigos ‘Con esta lupa’ de La Región, en galego e con debuxos de Siro de comezos dos anos setenta, está o seu carnet do ‘Diario de la mañana’, Cardenal Quiroga-11-y-15 de correspondente en Madrid nos inicios dos oitenta, e debaixo, un texto seu do ‘Club de los sin maleta’ con finos debuxos da súa man e persoeiros con maletas; e algúns dos ‘A marxe’, nun dos diarios de A Coruña que fai dende 1973, que cimentan a súa escrita e sona. Hai cartaces, como o dos Premios de la Crítica 1976 que gañou Carlos cando os ‘xoguetes’ aínda eran ‘pra un tempo pohibido’, e libros, moitos libros, todos os seus libros, en fermosas edicións de capas vellas e outras recentes, máis inferiores no deseño, todas elas da Editorial Galaxia, que foi o barco que o levou dende o comezo con ‘Vento ferido’, e a axuda imprescindible, necesaria e insubstituíble de Ramón Piñeiro. Con íl, no asento do tándem, no principio detrás e logo xa diante, dende as ideas de Galicia con voz propia seguiuno ata o Parlamento Galego na primeira lexislatura, co PSOE como vehículo. Os comisarios Chus Martínez e Gustavo A. Garrido dividiron a súa vida en cinco fases, dende as Paisaxes, de infancia e adolescencia, as Luzadas, tempo na Universidade, compromiso político, docencia en Viana do Bolo e Bilbao, e primeiras publicacións; A viaxe, ou Kristina Berg de Suecia, voda, fillos e fitos na literatura; e ‘Conviña...‘, como comezaba os seus relatorios na andaina política, coa Lei de Normalización Lingüística; e finalmente no Redondel, a dirección de Galaxia e do Pen Clube de Galicia, a presidencia do Consello da Cultura Galega... A proposta biográfica é densa de máis. Malia todo, boto a faltar a Harley na que levaba de paquete a Torrente Ballester...
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
GOLPES EN LA CARA
Deberá pagarle las gafas que le rompió en una pelea en Baños de Molgas
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy martes, 28 de julio