ARTE ET ALIA

Airiños airiños aires de Lobato

<p></p>

Creo que cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo da galeguidade’. Quen así pensa é Xurxo Lobato, autor de ‘Airiños aires Rosalía’ autor do proxecto e das fotografías que se amosan nesta exposición, unha das máis importantes e sobranceiras sen dúbida desta tempada Centro Cultural da Deputación. Esta é unha homenaxe a unha das figuras simbólicas identitarias, máis alén diso é o xeito de sentirmos galegos dende o cerne. A exposición, baixo a forma dun percorrido foto-biográfico, é unha aproximación aos espazos e lugares da vida de Rosalía. Velaí a pía bautismal na que foi cristianada no Hostal dos RR. Católicos en Santiago, mais tamén o ar deles, na escaleira do mosteiro de Conxo, ou Simancas (Valladolid), escollendo Lobato un encadre alto con torre e cúpula, campo e ceo, moito ceo. Ás fotos vai engadindo acaídos textos, ‘Conxo, o do claustro triste i as soedades prácidas’ e ‘levaime, levaime, airiños, levaime a donde me esperan’, como contexto nas paredes con unha verba en vermello, en destaque. Unha terra aquela de Castela, na que escribiu moito de Follas Novas, o seu segundo poemario. E vai inserindo o fotógrafo-biógrafo sensacións dun sentir, compartindo emocións, a campá de Bastavales, a chuvia nas rúas de Compostela, as brañas de Laíño, no Ulla, e a luz da catedral, co sol que ‘lanza serenos raios que firen descoloridos da Gloria ós ánxeles e ó Pai Eterno’.

Na casa da Matanza

‘Miña casiña, meu lar, cantas onciñas de ouro me vals’, arredor de Padrón e Iria Flavia, e a casa da Matanza, onde vivíu os seus derradeiros anos. O exterior dela dende o parral, as fechaduras das portas, a cama co cabezal e a colcha de liño, aínda que Xurxo Lobato é quen de desenfocala almofada e centrarse na rosa fresca que hai alí cada mañá... Na contorna, Lestrobe, co pazo; o do Arretén, no que nacera a súa nai; o interior da casa da rúa do Príncipe na Coruña, unha de cuxas fotos, de asombroso contraluz, foi escollida para a capa do libro-catálogo, deseño de Xosé Díaz/Imago mundi. Rosalía de nova en Madrid, na rúa da Ballesta, e xa casada en 1861, no calexo de Álvarez Gato. Está san Ildefonso de Madrid, onde casara con Manuel Murguía, e tamén Vigo, coa imprenta da que saíu Cantares Gallegos, obra que resoa como ‘a gaita, tocando unha alborada de gloria’, do noso foi rexurdimento literario. Chega a exposición en itinerancia dende 2016, co patrocinio da Obra Social La Caixa e a colaboración da Fundación Rosalía. A actualidade da escritora nos nosos días ben da man de Pedro Feijóo e o éxito de ‘A memoria da choiva’ (Xerais, 2013), con trama policíaca, ou as súas obras ilustradas en El Patito Editorial, por artistas como Álvaro de la Vega (2012) e Manuel Figueiras (2015), e a nova icona con ar a Warhol. Así a muller con personalidade propia, moderna e feminista, mesmo ecoloxista, desde a linguaxe visual, a mirada persoal intimista conquerida por Lobato.

Te puede interesar