ENTREVISTA - CINE

"É ano de transición, pero semellará que o OUFF custou cinco veces máis"

"Estamos traballando como cabróns. Todos os putos días, tío. Fai un día tiñamos película para inaugurar. Pero caeu. Esto é un puto bucle, como o 'Día da marmota"; asegura o vicepresidente da Fundación Carlos Velo e novo coordinador artístico do FEstival

Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF.
Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF.
"É ano de transición, pero semellará que o OUFF custou cinco veces máis"

"Estamos traballando como cabróns. Todos os putos días, tío. Fai un día tiñamos película para inaugurar. Pero caeu. Esto é un puto bucle, como o 'Día da marmota". O vicepresidente da Fundación Carlos Velo e novo coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández (Carballiño, 1955), é gráfico á hora de definir o traballo que está a levar o equipo encargado de xestionar o festival tralo rescate da Deputación: "En seis semanas. Se o conseguimos entramos no Guiness". O presidente provincial, Manuel Baltar, puxo o encargo na mesa da Fundación -"a única adicada a un cineasta en Galicia, e creo que en España, o que é un valor engadido"-, que aceptou o reto. "Posibilista e positivista", Fernández lembra os vencellos históricos de Ourense co cine -"xa falaba Risco nun artigo en La Región á finais do XIX dun cine nun barracón na Alameda"- e contemporáneos -iniciativas do Cineclube Padre Feijoo ou as Xociviga, que dirixou- como argumentos para razoar que a provincia "ten moito que dicir no desenrolo do audiovisual galego". Amósase taxante: "Galicia ten agora mesmo un ecosistema audiovisual amplo, ben equilibrado. E Ourense debe ser o festival de Galicia". Para isto, Fernández apoiase na valía do equipo: "Poderán ser feos ou guapos, pero teñen experiencia. E isto crea complicidades. Se demostramos que somos capaces de sacalo, peor cos outros non imos facelo. Para empezar, porque partimos dunha premisa diferente: implicar á sociedade ourensá. Facer chamamentos directos aos ourensáns. Queredes OUFF? Apoien. Loiten por el. Teñen unha historia de 22 anos detrás, que non a ten calquera. Así que veña, para diante. Sei que o vamos a conseguir. E con máis asistentes que anos anteriores". 

Fala de público. Ourense está de costas ao seu festival? 

Non comparto o pesimismo. A xente en Ourense responde. A sociedade está de costas ao festival? E por que? Analizamos as causas, creo que temos un diagnóstico. Hai que atacar o problema de raíz. A sociedade ourensá é plural. Hai que ofrecer películas de estrea, novidades...un programa amplo. 

Ampliar o radar. Con Fran Gayo a liña era máis marcada. 

Totalmente. Pero insisto: respeto total aos anteriores directores do festival. Aquí quero ser moi delicado. O modelo que practicaba Gayo... se fora eu, non o desenrolaría en Ourense. Por razóns sociolóxicas, vexetativas. 

Di entón que non había público obxectivo para ese modelo?

Claro. Somos unha cidade tipo. Temos estudantes, certo. Pero en Santiago, por exemplo, houbese cadrado mellor... non tiña un substrato...

Reorientarán o OUFF?

Evidentemente. Unha cousa está clara. O OUFF 2018 vai a ser digno. Con moitas limitacións económicas e moi pouco tempo. Temos moitas complicidades. Do sector, institucionais... valoro moito o apoio decidido da Deputación. Tamén do Agadic e do Concello de Ourense. Debería desaparecer a polémica arredor do festival, que non sexa a cultural ou audiovisual. 

Os problemas que sufriu o Concello co OUFF pasaron ao pleno.  

É o momento de aparcar diferenzas. Non ten sentido. Un festival é opinable, debatible. Pero cuestionalo? Non ten sentido. Aqueles que crean que cargándose o festival facémoslles un favor... a quen? Que queredes que fagamos? Que non haxa festival? E que facemos? Imos pasear por San Lázaro? Sen OUFF perde a cidade, perde a provincia. Ourense ten agora mesmo certa vidilla audiovisual. Todas esas sinerxias hai que aproveitalas. 

Será unha edición de transición.

Transición si, pero non unha trapallada. Un festival digno. Queremos marcar liñas do futuro, como a galeguidade ou darlle protagonismo á xente nova. As novas seccións van por aí. Achegarnos á cidade.Actividades de rúa, exposicións, publicacións, presentacións de libros... intentando buscar todo tipo de nichos. Imos contar con moitos colectivos que non estiveran no festival nos últimos anos. A nivel de España e nivel galego. 

Insinúa que o festival perdera vínculos con Ourense. 

Téñoo claro. Vía fotografías no xornal, salas de 8 espectadores, vinte... algo pasa. Que acontece? Traballas cun tipo de material que require un público tan especifico...

Pero Ourense non pode aspirar a relanzar o festival cun orzamento de 150-200.000 euros.

Evidentemente. Algún día Ourense debe entrar na categoría mínima do millón de euros. Esto non é unha demagoxia. Esta pasta ten retorno. É pasta que volve á sociedade, aos restaurantes, hoteles... é incalculable, tío. Non é tirar cos cartos. Con esta proposta, recoñezo que agora mesmo botaríanche encima, pero pouco a pouco... temos que ser ambiciosos. O presuposto deste ano? Así é imposible. Vamos  facer un festival por un presuposto que vai parecer que custou cinco veces mais. E se non xa verás ao terminar. Erros? Vainos haber.…

Xa estades a traballar no 2019.

Asinamos o outro día coa Deputación o protoloco para esta edición, pero con vocación de continuidade. 2019? Hai cousas que hai que mirar xa. Para o 2018 quedarán cousas fóra, porque agora mesmo non lucirían. Neste contexto de urxencia, no que está moita xente esperando para darche unha ostia….non. Homenaxes, visita interesante, un ciclo potente... mellor para o ano. 

Que orzamento debería ter o festival de cine o ano que vén?

Quintuplicar o deste ano. Partiremos dese obxectivo. Se para o ano temos máis presuposto, conseguiremos un festival que semellará que custa o dobre. 

E cal é o modelo que deberá ter?

Non o temos aínda. Imos a facer algo distinto. Non vamos a inventar. Aman o cine os ourensáns? Si. Pero non está posto en valor. Farémolo o ano que vén. Sabemos cal é a nosa  pirámide poboacional. Imos solucionar isto? Hai que adaptar o festival a esa realidade, e á vez captar xente doutras vilas, de Vigo...

Enton, este ano hai que velo coma transición e laboratorio. 

O que non funcione, fóra. Pero tendo unha cousa clara: Ourense ten que ter festival, Ourense ten que crer no festival. Ourense ten que potenciar o seu festival. Isto non pode facerse sen a complicidade de administracións e a sociedade. 

E en que datas? 

Non che sei… decembro? Non, coño. Como moito voltar a onde estaba. Eu persoalmente son partidario de movelo. Hai que miralo.