De Casdemiro á Eternidade


Actualidade do “Padre” Feijoo no 250 aniversario do seu pasamento

Na efervescencia intelectual do Século das Luces, nun 26 de setembro de 1764, falecía na cidade de Oviedo quen é considerado o pai do ensaio moderno na Península Ibérica, Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro. Cúmprense pois 250 anos daquela efeméride que neste 2014 celebramos.

O relevo da súa obra xunto á redondez do número de anos transcorridos desde o seu pasamento xustifican sobradamente a conmemoración. A figura deste sabio ilustrado concita hoxe como onte unha unánime admiración e respecto. E, a pesar do carácter funerario da celebración, o seu legado intelectual mantén as súas constantes vitais na actualidade.

No ano 1676, á beira do río Miño, moi preto da cidade de Ourense, no lugar de Casdemiro, freguesía de Santa María de Melias, no seo dunha familia fidalga, naceu, no 8 de outubro, Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro Puga. Foi o primeiro dos dez fillos de don Antonio Feijoo Montenegro e dona María de Puga Sandoval y Novoa. A súa primoxenitura convertíao no herdeiro do morgado familiar, mais a temperá inclinación ao estudo das letras, fomentado polos seus proxenitores, levaríano a renunciar a ese privilexio en beneficio dunha vida dedicada ao cultivo do intelecto.

Feijoo aprendeu as primeiras letras en Allariz, morada habitual da familia. Despois realizou estudos regulares no Real Colexio de Santo Estevo de Ribas de Sil. Cumpridos os catorce anos, ingresou no mosteiro bieito de San Xulián de Samos, renunciando nese momento ao morgado, para tomar en 1692 o hábito que habería de vestilo durante o resto da súa vida.

A súa xuventude transcorreu entre Salamanca, Eslonza (León), Lérez e Poio (Pontevedra). Neste tempo fraguouse a súa amizade vitalicia con Pedro José García Balboa, quen profesaría na mesma orde como frei Martín Sarmiento. Este converteríase despois nun firme defensor da obra feijoniana fronte aos ataques dos críticos.

No ano 1709, Feijoo fixará a que será a súa residencia ata o seu pasamento no convento de San Vicente de Oviedo, do que foi abade en dúas ocasións. Será profesor de Teoloxía e desenvolverá diversas cátedras na Universidade de Oviedo ata a súa xubilación definitiva en 1739.

A súa vida estivo marcada pola sinxeleza de carácter. Segundo os seus coetáneos, foi persoa de trato <>. Renunciou a calquera clase de prebenda, coma un bispado en América que lle foi ofrecido por Filipe V.

A súa obra é un legado de sabedoría. Tivo a intención de escribir unha historia da Teoloxía, mais diversas persoas lle fixeron ver que en España había unha maior necesidade de <>; concepto que define ben as súas misceláneas de modesta extensión que difundían novidades científicas e reflexionaban criticamente sobre aspectos da vida natural e moral, co fin de corrixir <>.

Con estes traballos, Feijoo sentaba as bases do ensaio moderno: vontade crítica, finalidade didáctica, síntese, actualidade, exposición dinámica, conxectura hipotética e naturalidade da linguaxe.

Foi un escritor serodio: de 1725 é a súa Apología del escepticismo médico. Abrangueu numerosas materias cos seus estudos: literatura, arte, música, filosofía, astronomía, medicina, matemáticas, xeografía e historia. Os seus escritos están esencialmente recollidos no monumental Teatro crítico universal e nas Cartas eruditas. E, a pesar de que tivo antagonistas como Salvador José Mañer (autor dun Anti-teatro crítico), o gran número de edicións das obras de Feijoo son testemuño evidente da popularidade de que gozou.

Feijoo tamén foi merecedor do favor real. Fernando VI ditou unha orde prohibindo a publicación de calquera ataque á súa obra (1750). E nomeouno membro do seu Consello de Castela pola <>.

Non é doado resumir a vida deste ilustre monxe de nacenza ourensá. Entre os Retratos de los Españoles Ilustres con un epítome de sus vidas figura un gravado (1798) coa súa efixie no que reza a seguinte lenda: “Fr. BENITO GERÓNIMO FEIJOO. Monge Benedictino extirpador de las preocupaciones y errores vulgares. Natural de Casdemiro. Murió en Oviedo en 1764.”

Baixo este parco bosquexo atopamos unha personalidade excepcional. Dela quédanos a súa gran obra. Unha obra cuxa sólida arquitectura intelectual perdurará para beneficio noso e das xeracións vindeiras despois de que se esfume a <> coa que previsiblemente envolveremos á data precisa da efeméride.

A nosa cultura sempre contará co pensamento vivo dun ilustrado que desde o seu modesto berce en Casdemiro alcanzou a Eternidade literaria.

Te puede interesar