REPORTAXE

O "derradeiro" gaiteiro de Cea

Manuel enfunda o traxe co que actuaba polas festas cos Cinco de Cea, banda xa desaparecida. Tras dúas décadas sen coller a gaita, aos 95 volve a ensaiar e a recordar. O público agora está na residencia de Vilamarín

Vinte anos sen música son moitos. Os que levaba Manuel Ogando, o máis lonxevo da residencia Santiago Apóstol de Vilamarín, sen tocar a gaita. Hoxe enfunda o traxe co que se subía aos palcos das festas galegas co grupo Os cinco de Cea. Xa só queda el, o derradeiro dos amigos. Arranca o espectáculo "A saia da Carolina".

"Para os anos que ten, aínda cho fai ben", solta unha compañeira deste centro da Fundación San Rosendo. Outro ponse cómodo e reclama "a copiña" para desfrutar da seguinte: unha do Cuco de Velle. "O paraugas do Xosé, é un paraugas moi maliño, se lle caen catro gotas, xa te pos moi molladiño. E por eso unha rapaza, por pingando que ela esté, nunca se porá debaixo do paraugas do Xosé". Aplauden.

"Agora xa me costa un pouco. Pero hai quen pode facelo ben e non o fai. Daquela tiñamos moitas pezas e a xente bailaba que daba gusto. Eramos tres gaiteiros, o tambor e o bombo. Eu a gaita tócoa dende os 18 anos, pero agora levo moito tempo parado", confesa. Aínda que non quere presumir, na residencia saben ben que fai uns meses que Manuel recuperou aquela gaita que lle valera 70.000 pesetas nos oitenta. "Fai un mes que cumprín os 95. O neto non quixo quedar ca gaita e eu levaba moitos anos sen tocar. Agora está preparada para quen a queira", explica.

"AQUÍ NON TOCAN NIN A PANDEIRETA"

Na sala da residencia Santiago Apóstol corean a Manuel Ogando, sentado fronte a fotografía dos Cinco de Cea. Gozan ca música do gaiteiro, unha afición que os demais fixeron súa grazas ao fomento das habilidades dos maiores que se leva a cabo na Fundación San Rosendo. Aínda que ningún se anima ca gaita, todos saben o repertorio. "Veña, a da Carolina outra vez", din.

E en cada pausa, un recordo. "Empecei de neno cunha frauta feita ca canivela dunha escoba. Despois, un veciño comprou unha gaita pero non sabía tocala. Compreilla por 15 pesetas. E que non valía nada!", ri. O rei da festa vai con outra peza."Estes? Non tocan nin a pandeireta. Eu sei tocar calquera cousa, porque che sei algo de música. Avelina, trae a pandeireta!", reclámalle á directora da residencia.

Tras demostrar que tamén é experto neste instrumento, volve aos Cinco de Cea. Emociónase. "Xa só quedo eu. Tocabamos moi ben. Aplaudíannos en tódolos sitios, aínda que tamén había a quen non lle gustabamos e tamén nolo dicían nas festas. Pero a xente animábase moito".

Gaiteiro, pero tamén carpinteiro, tractorista e zoqueiro. "Fun de todo. Coma se di por aí: sete oficios e catorce desgracias. Traballei moito. Nunha fábrica de máquinas de escribir en Alemaña tocoume un posto moi malo. Como os alemáns son máis grandes, facían o dobre ca min. Eu non daba feito. Eso si, eu son baixo pero non pequeno, eh", sentencia.

OS CINCO DE CEA, NO CORAZÓN

VILAMARÍN (RESIDENCIA SANTIAGO APÓSTOL). 09/11/2017. OURENSE. Manuel Ogando, de 95 años de edad, toca unas piezas musicales con la gaita galega para los presentes. FOTO: ÓSCAR PINALO derradeiro desa banda resultou ser o artífice, aquel que chegou nos oitenta para cambiar o nome do grupo. "Chamábanse os García da Grela. Pero despois eramos cinco e eu dixen: Nada diso! Temos que ser Os Cinco de Cea. Aceptárono todos moi ben", recorda.

E chegaron as primeiras festas. "Fumos a Garabás, en Maside, cun señor que abría unha cantina. Púxonos de cear un lacón con patacas cocidas e viño. Con iso quedabamos contentos. Despois gañamos tres pesetas cada un na primeira festa. Non me acorda que fixen con elas", explica.

"Pfff...", exclama cando pensa na Festa do Pulpo do Carballiño. Esta vez, ri e garda para el a memoria. "Tocámoslle outra!", anima ao público. "Ei, Manoliño! Tocayo! Que vivan os gaiteiros!", lánzase a abrazalo o outro Manuel da residencia. Abrázanse e volve a soar a gaita. A derradeira: "Para que as fillas me vexan en Telemiño. Grazas a todo o público e a tódolos empregados de La Región". 

Te puede interesar