ARTE ET ALIA

Ehlaba Carballo e Ruth Lodeiro transfiguran cores e terra

Elas irradian emoción e sensibilidade, dende súas obras, as pinturas de Ehlaba coa oleiría no centro, e as pezas escultóricas de Ruth con coa cerámica no cerne, como materia expresiva.

Na exposición, as obras de Ruth Lodeiro no centro.
Na exposición, as obras de Ruth Lodeiro no centro.
Ehlaba Carballo e Ruth Lodeiro transfiguran cores e terra

Ante Pasado, presente e porvir mestúranse neste mes de Santos no espazo do Museo-taller de olería de Niñodaguia. Oficialmente inaugurado o pasado día cinco polo Presidente da Deputación Xosé Manuel Baltar neste lugar do concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo, e malia o seu interese etnográfico intrínseco, outro é o motivo que nos fixo achegarmos, xa que logo expoñen Ehlaba Carballo de Dios e Ruth Noemí Lodeiro. Por uns días... Elas irradian emoción e sensibilidade, dende súas obras, as pinturas de Ehlaba coa oleiría no centro, e as pezas escultóricas de Ruth con coa cerámica no cerne, como materia expresiva. Xúntanse nesta antiga casa-obradoiro de alfareiro, porque escoitaron falar ás cores e a terra, e o novo museo se enche, que as obras falan. 

Ehlaba é desta terra, onde ten casa, pinta e vive, e o seu son óleos, co mundo familiar dos Carballo Conde, o da olaría, que nace nos anos vinte do pasado século. O traballo dende as barreiras dos montes do Balbón, na parroquia de Tioira, onde collían o barro, entre medias escuro e griseiro, que peneiraban e amasaban ata semellar pan, antes de cocelo e fabricar xarros, pucheiras, canibarros e cuncas. O oficio chega a Gabriel e Dolores, e deles aos fillos, Manuel, seu pai, e Gabriel, quen aínda vive. Este é o pai de Loli Carballo Villar, coa que Ehlaba fixo no Castelo de Maceda a exposición ‘30+3’, polo número de olas que facían por día, que as tres restantes eran para as desmermas. Desa xeira son as trinta pinturas da sala principal do Museo. As derradeiras tres olas que fixo o seu pai no ano 1993 foron para cadanseu fillo... Outra das obras que está aquí é ‘Noche dorada’, que ten viaxado ata no Xapón.

Ruth Lodeiro trae pezas policromadas, feitas con barro, e outros materiais, cosidas con cordas e fíos de arame, expresando sensacións orgánicas e sentimentos dende o matérico das formas elaboradas. Son obras ás que reviste de poesía, que a artista fixo Filoloxía en Salamanca. Así en ‘Corona de ancestros’: ‘...restos óseos de la humanidad en la caverna. Vértebras del tiempo que olvido yacerán’. Da que pendura no cuarto, ‘Eva-Sherezade II’, escribe: ‘Eva sí. Pecadora sin pecado. Eva-Sherezade mágica. Matriarca del clan con las cuencas desheredadas de creencias. Se compra felicidad: la carne, el coche disfraza, la casa acoge, el arte moldea. Eva transgresora. Eva al fin y al cabo, estaba escrito como se expulsa del paraíso’. As outras levan por títulos ‘La paz de los ojos velados’, ‘Babel V. Osario’, ‘Espinazo (alimento del olvido)’ ou ’500 ojos velados’, que semella unha cortina. Na sala Apo’strophe de Vigo amosounas: ‘Materia de barros’. Ata aquí chega apoiando a xenerosidade de Ehlaba, á quen se deben tanto as xestións para o acaído cartaz da expo, obra de Alexandre Arte e Deseño, como o dormitorio co berce no propio Museo-taller..., todo para facer medrar a arte no rural con Ruth Noemí nun diálogo co tradicional, a linguaxe culta e a popular nunha transgresora unión.