ARTE ET ALIA

Helena de Medeiros, 
escenógrafa plástica

"Idioma dos pássaros".
"Idioma dos pássaros".
Helena de Medeiros, 
escenógrafa plástica

Está a estrearse nestas datas “Progetto Händel” no Teatro Scala de Milán con deseñadora de vestiario de Helena de Medeiros, a artista que está a expoñer na sala principal do centro cultural da Deputación ourensana. A música barroca de Georg Friedrich Haendel, o músico alemán naturalizado británico, e o ballet contemporáneo con coreografía de Mauro Bigonzetti, co que xa tiña traballado anteriormente, expresan a mestizaxe da que gusta a artista de Porto (Portogallo). Aquí están os seus cadros, de gran porte, que amosan todos eles esta actividade central na súa vida, e no só paixón. Esta se expresa tamén nas representacións escultóricas que inclúe, ben acaídas, cheas desa “Insustentável leveza”, como titulou unha exposición súa fai un par de anos nos Paços do Concelho de Barcelos. É o seu un proxecto de fondo, que vai máis alá das liñas paralelas, pois os seus traballos de creadora plástica e de vestiario (en portugués figurinista, fermoso concepto) son facianas dun só sentir: o do seu corazón. Ten o atelier na coñecida Rúa dos Clérigos de Porto onde traballa as súas obras sobre papel e tea, nas que aplica tinta china e técnicas mixtas, respectivamente. Entre estas, a máis salientable, é á que engade pan de ouro á pintura, para provocar un efecto vizoso e luminoso, que tamén busca nas propostas escultóricas.

 

 

A artista, que traballa ademais para o teatro, ópera e incluso para o cine, trae a Ourense unha proposta artística baixo a denominación ‘“Random birds”, que o inglés é dende fai décadas a segunda lingua en Portugal, e con ela define a súa proxección internacional. De Medeiros completou precisamente en Gran Bretaña a súa formación da Escola Superior de Artes e Design (ESAD) da súa cidade natal con estudos na Escola de Moda londinense. A actividade expositiva pictórica iníciaa en 1990, que lle leva a ter obra en galerías de Nápoles ou na Saatchi de Los Ángeles (EE.UU.), extremos dun abano con centro en Portugal, nomeadamente no norte, como a ShairArt de Braga, e Árvore no Porto xunto a P55, que colabora na exposición ourensá. As obras que trae abranguen un abano cronolóxico dende 2011, con Dust, vinte cadriños unidos que semellan aquel xogo de nenos no que hai que compoñer unha imaxe movendo as pezas para acadar no plano a composición buscada. A máis recente é deste mesmo ano, "Birds" (paxaros), a foto dunha escultura súa pendurada nun exterior a contraluz con unha ave en voo. Fronte dela, no outro extremo da sala, “Ás rotas”, pintura sobre cartón dunha bailarina e outras dúas figuras por tras en caída, obra con tinta china e pan de ouro en contraste coa cor vermella. Outro dos eixos de forza é o das esculturas, dende a pequena peza acéfala da bailarina sobre a punta da zapatilla e mans-pas coas que semella querer voar, ata “o idioma dos pássaros”, pendurada en salto de “grand pas de chat” polo escenario, xesto en pintura da obra de cabeceira, fronte da porta principal. Unha artista con voz propia cuxas obras teñen poesía e música.