HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL

Lembranzas lonxanas de Vicente Risco e o referente de “O Volter”

Tucho Fontenla era un personaxe singular que non só servía viño, era capaz de convocar a escritores, poetas e médicos 

Don Ramón Otero Pedrayo, Don Xesús Ferro Couselo, o doutor Conde Corbal, Prego e outros intelectuais e artistiñas lembran a Vicente Rico no “Volter”. Na esquina inferior dereita,  a foto do “Tucho”, recuperada por JM López.
Don Ramón Otero Pedrayo, Don Xesús Ferro Couselo, o doutor Conde Corbal, Prego e outros intelectuais e artistiñas lembran a Vicente Rico no “Volter”. Na esquina inferior dereita, a foto do “Tucho”, recuperada por JM López.
Lembranzas lonxanas de Vicente Risco e o referente de “O Volter”

Mesmo que eu non o tratara persoalmente (cando morreu en 1963 eu era un rapazote que andaba no bachelerato), tempo despois coñecín e tratei a moitas personas do seu entorno coas que falei dabondo del, desde o seu propio amigo de toda a vida, Don Ramón Otero Pedrayo, e tamén con Pepe Conde Corbal, Virxilio Rodríguez, Don Paco Fernández del Riego, ou o xornalista Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía) que me contou dos seus medos durante as primeiras etapas do franquismo, nos que Don Vicente Risco lle confesou que temía que os falanxistas atentaran contra el. E todos eles consideraban especialmente inxusto que Castelao, desde o exilio, escribira en “Sempre en Galicia”, “Cando Risco era alguén”. Claro que era alguén!

Cando o final dos sesenta e comenzos dos setenta eu traballaba na radio en Ourense tiven ocasión de falar dabondo de Risco e de outras cousas de vellos tempos cun personaxe esencial desta historia e tipo humano interesantísimo. Estoume a referir ao mesmísimo Vicente Fontela Peña, a quen os ourensáns daquela coñecerían mellor como “Tucho”, que se foi o 4 de setembro de 1992, e que era o propietario da taberna do Eirociño dos Cabaleiros, espazo propio dunha pousada medieval. O singular lugar escollido por don Vicente para as súas xuntanzas cos artistiñas ourensáns da época, polo que trocou para sempre o seu nome polo de “O Volter”, porque a Risco lle traía lembranzas do café “Voltaire”de Zurich. De feito que, e convén pensar no contexto da época, converteuse nun templo do libre pensamento e da liberdade intelectual. Sempre se dixo que era unha proba de por que a Ourense se lle chamaba xustamente a “Atenas de Galicia”.

Os domingos pola mañá, a hora das tazas, deixando o seu negocio, “O Tucho”, co seu elegante sombreiro e sen deixar de fumar, recorría a zona dos viños de Ourense como se fora un parroquiano máis, libando ribeiro nas tabernas da competencia. É un dicir, porque “O Volter”, desaparecido xa Don Vicente, foi, até 1985, un referente de cultura en todos os eidos, amparados polo mural conmemorativo do seu tempo de gloria e outras aportacións dos artistiñas. Tucho Fontela, mestre de oficio antes que taberneiro, era un personaxe singular que non so servía viño, sino unha amena conversación do que cadrara, polo que era capaz de convocar a escritores, poetas e médicos ilustrados (Casares, Méndez Ferrín, o médico Conde Corbal ou o propio Trabazo, a quen as veces se lle pedía que contara por que na Guerra Civil lle deran a Medalla Militar Individual), e mesmo vellos e xoves xornalistas que íamos por alí para aprender. Pechado “O Volter” andaba os domingos tristeiro polas rúas do viños cada vez menos falador, e tan querido por todos.

Pepe Conde Corbal, con quen tiven moito trato, contoume que don Vicente presumía de se-lo seu “podólogo”, polo feito de que adoitaba a escribi-los pes dos debuxos e grabados que o artista ourensán publicaba en La Región y otros medios. Pese a que Don Vicente, ó longo da súa vida, fora contrario ao modernismo, rodeábase dun fato de artistas e outros ourensáns con inquedanzas intelectuais (como o sempre lembrado doutor Conde Corbal) que xustamente representaban a anovación, a modernidade e novas propostas en tódalas ramas da creatividade.

Quen falaba con máis agarimo e lembraba do seu amigo desde rapaz era Don Ramón, mesmo sen deixar de se referir ás diferenzas que o longo do tempo mantiveron. Con quen máis falei de Don Vicente foi con Virxilio Fernández Cañedo en Ourense e mesmo en Vigo, coa ocasión dunha exposición. Virxilio era un daqueles formidables artistiñas que constituían o núcleo funcional con Xaime Quesada Porto, Xose Luís de Dios González, Acisclo Manzano Freire e Manuel García de Buciños. E mesmo que no participaran de xeito regular na xuntanza, souben polo miñoto Xabier Pousa que el mesmo e outros como Enrique Ortiz Alonso, José Manuel Vidal Souto, Alexandro tamén achegaron por alí. Mais aquela lumieira da amor intelixente á terra extinguiuse en 1985, mesmo que as veces, até a súa desaparición, os sobrevivintes do grupo inicial e outros artistas e intelectuais se axuntaron no “Volter” ó redor de Don Ramón Otero Pedrayo e tamén Ferro Couselo, Prego e outros artistas e intelectuais.

Mesmo que a Fundación activísima que leva o seu nome é a mellor homenaxe a súa obra e pasado, volver ó seu pensamento e obra é unha convinte actividade para coñoce-las clave dun intre esencial da nosa historia recente. Recomendo ler “O porco de pe”. Cada vez que o fago ríome co relato da procesión cívica.

Por certo que os que amamos as cousas que non deben desaparecer da nosa lembraza e do noso corazón, temos unha débeda con Jesús Alberto Almeida, quen tivo o acerto, e sensibilidades e até a promonición de salvar fotográficamente as imaxes daquel mítico lugar, máis tarde recollidas no libro “Fragmentos para a memoria”, con textos de José María Pérez Álvarez, Chesi; Fernández Naval e Chus Pato. Gracias.