COLOQUIO LITERARIO

A loita feminina na literatura

Celia Díaz Núñez analiza nunha charla en Salesianos a situación das mulleres na literatura, dende o caso de Rosalía ata o estado actual 

A escritora ourensá Celia Díaz Núñez. (C. PARRA)
A escritora ourensá Celia Díaz Núñez. (C. PARRA)
A loita feminina na literatura

Os actos con motivo do oito de marzo multiplícanse na cidade. Hoxe é a quenda de Salesianos, que celebra un encontro coa escritora ourensá Celia Díaz Núñez ás 17,45 horas, no marco das Xornadas da Lingua : "Eu falo, ti podes. Inténtao!". Na súa intervención centrarase na situación da muller na literatura ao longo da historia e como se foi normalizando a escrita feminina. "Nun primeiro momento era un monopolio masculino, as mulleres escritoras non tiñan visibilidade" e debían imaxinar xeitos de publicar as súas pezas, como empregar pseudónimos masculinos. 

Díaz fará un repaso das escritoras, desde Rosalía de Castro, xa crítica coa discriminación que sufría, ata chegar ao século XXI "onde pode parecer que hai unha normalización da escrita feminina, pero segue habendo certos prexuizos cara a muller escritora", como o caso de J. K. Rowling, autora de Harry Potter, "que tivo que publicar coas súas iniciais para que non se evidenciase que se trataba dunha muller, e poder vender así máis exemplares". Deste xeito, na actualidade as mulleres aínda teñen que superar certas trabas para poder publicar coa mesma facilidade que os seus compañeiros, "pero resulta que o 80% das persoas que mercan libros, son mulleres".

Ademais, Celia considera que hai certos estigmas cara a literatura creada por mulleres, "porque se pensa que é unha temática máis sentimental, doutra calidade". Na investigación para preparar esta charla, Díaz atopou unha evidencia deste prexuízo: no século XIX houbo un certame de poesía en Ourense que gañou un home empregando un pseudónimo feminino. "Isto non me extraña, porque o empregaban para ocultar o seu nome nunha rama litetaria que consideraban de menos trascendencia".

Pero hai esperanza, en especial no ámbito da poesía galega, "onde se da unha proliferación de autores, homes e mulleres, pero están destacando elas, unha tendencia que se manten desde fai uns anos, e desexo que siga así".