ANXO QUINTANA

Anxo Quintana: “É o momento de facer unha revolta cidadá para vivir como galegos"

photo_camera O ex vicepresidente da Xunta polo BNG, Anxo Quintana, durante a súa conferencia no Foro La Región, que foi presentada por Xabier R. Blanco (dereita)// JOSÉ PAZ

O ex vicepresidente da Xunta congregou no Foro La Región a simpatizantes das distintas opcións políticas nas que derivou o BNG 

Falou de tres espazos políticos, que non de grupos: esquerda española, dereita española e nacionalismo. Recoñoceu erros do pasado, analizou a viabilidade de Galicia como país e reivindicou a diferencia con España. Asegurou que o reto agora está en "conseguir que todos exerzamos en política como galegos", e suliñou que "moitos cidadadáns teñen unha identificación moi potente co noso país, falen galego ou castelán" e insistiu en que "non podemos crear barreras, temos que transformar esa identificación en compromiso político". Eses foron algúns dos argumentos expostos no Foro La Región por Anxo Quintana, ex vicepresidente da Xunta e actualmente "autónomo para manter a miña familia".

Quintana, quen foi presentado polo xornalista Xavier R. Blanco, encheu o Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se deron cita numerosos cargos e ex cargos do BNG, algúns deles actualmente en Compromiso por Galicia e Anova. Entre os presentes atopabanse o propio portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e alcaldes de vilas como Allariz, Trives, A Mezquita, Castrelo de Miño, Vilar de Santos ou A Bola.

Quintana insistiu na importancia de facer unha análise do que é o país para "poder atopar solucións". Deixou claro que Galicia "é viable, xa que ten os recursos necesarios para xerar o benestar dos seus habitantes". E falou da enerxía eléctrica, do sector naval e do lácteo. "Temos sector industrial potente, e o mesmo pasa co sector primario, pero sempre están en crise, porque non nos deixan producir. Non é cuestión de que nos teñan manía, senón que hai outros intereses económicos máis importantes para España".

Mostrou a sua preocupación pola "desgaleguización da política no noso país", e asegurou que "non podemos perder o protagonismo fora, e menos nos tempos que se aveciñan". Fixo mención á situación de Cataluña e Euskadi: "Vaise configurar un estado diferente, e será asimétrico. Corremos o risco de que Galicia perda o seu estatus institucional".

Aseverou que quere "un país no que os galegos e galegas decidan, non que as decisións as tomen catro señores en Bruselas". Quintana quixo deixar claro que "non debemos facer mimetismos co que ocurre noutros países. Galicia non é nin Cataluña nin Escocia".

"Debemos aprender dos erros do pasado. É o momento de reaccionar e facelo dende unha revolta cidadán para vivir e decidir como galegos. Pero non podemos considerar que as proclamas solucionan os problemas. As solucións están nas alternativas políticas que concitan o apoio popular. Debemos ir por diante pero non a distancia, porque senón a xente nos perde de vista", proclamou Quintana, quen recibiu encendidos aplausos.

“Só merece a pena se hai detrás un gran apoio"

Anxo Quintana non se pronunciou sobre se pensa volver á primeira liña da política. Aínda que asegurou: "Colaborarei para que podamos decidir como galegos no noso país onde sexa necesario". Ante a pregunta de onde se situará para participar nese proxecto, respondeu cun sorriso: "Dende esta tribuna xa vou axudar". Deixou claro que non ten "nengún interese en perder o tempo para conquerir só un 15 % de apoio. Só merece a pena se hai detrás unha gran masa social". Ante a proliferación de movementos sociais, Quintana aseverou que "parecenme moi ben, penso que é positivo mover o avispeiro", pero matizou: "Creo que para Galicia non valen. Temos que ser capaces de xerar por nós mesmos movementos dende aquí". Aludió ás próximas eleccións municipais. "Non hai que esquecer que dende os concellos tamén se fai unha aportación ao proxecto nacional", e lanzou unha reflexión contundente: "Fai catro anos houbo nos 315 concellos de Galicia candidaturas nacionalistas. Só espero que non vaiamos cara atrás, e sexamos capaces de manter esta misma situación nesta convocatoria.

Te puede interesar