ENTREVISTA - LITERATURA

Vázquez-Monxardín: "Otero, Risco e Cuevillas foron os tres grandes cronistas de Ourense"

O escritor Afonso Vázquez-Monxardín publica agora "Os Cronistas Oficiais de Ourense a través das Actas Municipais" e a "Crónica do Vivir Xornaleiro" de Don Ramón Otero Pedrayo" para indagar na orixe deste "oficio" sen horario nin soldo

Afonso Vázquez-Monxardín.
Afonso Vázquez-Monxardín.
Vázquez-Monxardín: "Otero, Risco e Cuevillas foron os tres grandes cronistas de Ourense"

Aínda que a faceta de cronista oficial da cidade de Otero Pedrayo non se recoñeza nas súas biografías, o intelectual ourensán desenvolveu esta función dende 1968 ata 1970. O escritor Afonso Vázquez-Monxardín publica agora "Os Cronistas Oficiais de Ourense a través das Actas Municipais" e a "Crónica do Vivir Xornaleiro" de Don Ramón Otero Pedrayo" para indagar na orixe deste "oficio" sen horario nin soldo co que os concellos "buscaban afirmar a historia da súa raíz, botando man de eruditos locais".

A Otero Pedrayo escolleuno un ex-alumno coma cronista oficial.

David Ferrer, persoa de renome na cidade. Foi alcalde, presidente da Deputación, botou a andar o Polígono de San Cibrao... Non sei se a idea foi del ou de Rego Nieto, que fai a laudatio. 

Que motivos dan para nomear a Otero Pedrayo cronista oficial?

Escólleno porque era a persoa máis destaca da cultura galega e de Ourense no momento. Aínda que a laudatio que lle fai Rego Nieto é moi mala. Non cita ningunha obra en galego.

Sobre que escribía Otero?

El non sabía dicir que non aos amigos e a figura de cronista non existía nese momento, por esas razóns de amizade creo que se ve forzado e acepta friamente o cargo. Cando o nomean, en ningún sitio falan dos cronistas anteriores, por iso decidín facer o libro, para poñer en claro a relación de cronistas que houbo. Neses dous anos escribe pouco texto: crónicas do tempo, de se chove ou non chove, temas sociais como as misas en galego, conferencias... Adica un capítulo a amigos que van morrendo. Tamén trata as inauguracións, coma a do edificio da Torre ou o traslado da estatua de Concepción Arenal, que foi bastante polémico. 

Con iso de que non sabía dicir que non...Teríalle gustado ser cronista sen o título “oficial"?

Este é un tema menor na súa vida. Houbo persoas importantes na historia e na crónica de Ourense que nunca foron cronistas oficiais, como Cuevillas, Olga Gallego, Ferro Couselo ou Marcos Valcárcel. No libro hai unha parte adicada aos "cronistas que non foron". Tanto Risco, coma Otero e Cuevillas foron os tres grandes cronistas de Ourense.

Como tratou a emigración?

Cando el empeza a crónica, xa fora a América tres veces. Tiña unha vivencia directa importante. É moi crítico coas cousas que se fan aquí da emigración. "Celébrase un congreso meramente oficial da emigración. Banquetes e papadelas", di nunha cita.

Das festas ourensás...Agora que se acercan os maios, fala?

Si. Das Letras galegas, por exemplo. 

Con esta nova documentación, que ámbito do escritor interesará aos investigadores?

Estamos empezando os contactos para dixitalizar o material da Fundación Penzol. Cremos que en Ourense debe haber unha copia da documentación de Otero Pedrayo para que aquí poida investigarse a súa figura. 

Cre que cumpriu ben ca función de cronista oficial?

Creo que deixa testemuño dalgunhas cousas, pero dado que el viviu ata o 76 e deixa de escribir no 70, parece que moito non lle interesou o tema. Ata non sei se se enfadaría co da estatua de Concepción Arenal... Ou simplemente se fixo maior e non lle apetecía. O cronista oficial era un recoñecemento, un posto sen horario nin soldo.